O BNG alerta da situación límite en Atención Primaria e reclama máis medios a Sanidade

A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, advertiu da “situación límite” que están a atravesar moitos centros de saúde debido á saturación pola proliferación de casos de gripe e outras infeccións respiratorias. Prado reclamou á Consellería de Sanidade a adopción “inmediata” de medidas para garantir unha atención digna e eficiente á cidadanía nun contexto no que, subliña, “aínda non chegamos ao pico da gripe”.
Segundo explicou, cada vez resulta máis complicado para moitas persoas enfermas conseguir cita co seu médico ou médica de cabeceira, chegando a atoparse centros nos que xa non quedan ocos dispoñibles en todo o mes de decembro. A deputada atribúe esta situación á precariedade estrutural da Atención Primaria, que —afirma— conta hoxe con 141 profesionais menos que hai dous anos e acumula recortes de case 1.700 millóns de euros desde 2009.
Prado describiu centros nos que non hai ningún médico operativo, ou onde os cadros de persoal están moi por debaixo do necesario: “onde tiña que haber catro, hai un; onde tiña que haber sete, pode haber dous”. Tamén denunciou que nalgúns casos a asistencia redúcese a unhas poucas horas ao día.
Esta falta de capacidade na primeira porta de acceso ao sistema fai que moitos pacientes —incluídas crianzas sen pediatra asignado— acudan ás urxencias hospitalarias, provocando, segundo a nacionalista, unha “tensión extrema” na atención hospitalaria. Prado relatou casos de doentes en corredores, incluíndo persoas con problemas de saúde mental que requiren supervisión constante, así como demoras de varios días para conseguir un ingreso. Mencionou tamén casos como o do hospital Abente y Lago da Coruña, onde se está ingresando tres pacientes en habitacións moi pequenas, “impedindo unha atención minimamente digna”.
A deputada esixiu á Consellería que deixe de actuar “para a galería” e se anticipe ao pico epidémico activando todos os recursos dispoñibles e habilitando o total das camas hospitalarias. Lembrou que abrir camas non é un proceso inmediato, senón que require contratar profesionais, dotar de material, medicación, persoal de enfermería, medicina, tcaes, celadores e servizos de limpeza.
Prado insistiu en que a cidadanía ten dereito a unha atención sanitaria de calidade e que o persoal sanitario merece condicións laborais dignas, “sen estar continuamente nunha situación límite, sobrecargados e dobrando quendas”. Reclama, en particular, reforzar a Atención Primaria para evitar a sobrecarga das urxencias e garantir unha resposta eficiente á chegada do pico da gripe.