BNG alerta do risco de converter a ría de Arousa nun vertedoiro de lodos contaminados

Rosana Pérez acusa ao PP de desoír o acordo unánime do Parlamento de 2019 e pide alternativas sustentábeis aos dragados, así como estudos rigorosos sobre o impacto ambiental en Sálvora.
Rosana Perez
3 Sep 2025

O Bloque Nacionalista Galego advertiu este martes na Comisión de Pesca e Marisqueo do risco de converter a ría de Arousa nun vertedoiro de lodos contaminados. A portavoz de Mar do BNG, Rosana Pérez, criticou con dureza a intención de manter como punto de vertido de materiais de dragado a zona situada xunto á illa de Sálvora, coñecida como E8, que funcionou entre 1998 e 2021 sen avaliacións ambientais transparentes.
Pérez lembrou que tanto o sector marisqueiro da ría de Pontevedra como o da ría de Arousa rexeitaron de maneira unánime a utilización deste punto, alertando do grave impacto que pode ter sobre os bancos marisqueiros e sobre un espazo natural de alto valor ecolóxico, situado en plena zona protexida. “A ría de Arousa necesita medidas de recuperación, non novas cargas contaminantes”, advertiu.
O BNG denunciou que o recente informe do CEDEX e a avaliación da Subdirección Xeral de Biodiversidade manteñen practicamente o mesmo punto de vertido, ignorando tanto o acordo unánime do Parlamento galego de xuño de 2019 —que esixía alternativas fóra das rías— como o principio de precaución.
Na súa iniciativa, o Bloque reclamou á Xunta que aclare se existe algún seguimento ambiental real sobre os vertidos en Sálvora desde 1998, cales foron as alternativas remitidas ao Goberno central e se se chegou a constituír a prometida mesa de traballo co sector, anunciada en 2021.
“O PP mudou de posición segundo lle conveña, pero nós mantemos a mesma: non ás rías galegas como vertedoiro de toneladas de sedimentos contaminados”, concluíu Rosana Pérez, instando a buscar solucións sustentábeis fóra das rías e respectuosas co medio mariño e co sector pesqueiro.

⚙ Configurar cookies
0.30398607254028