BNG denuncia a precariedade das traballadoras das casas niño e reclámalle á Xunta un aumento das contías que perciben

A portavoz de Infancia do BNG no Parlamento, Ariadna Fernández, denunciou na Comisión 4ª a precariedade laboral das traballadoras das casas niño no rural galego e reclamoulle á Xunta un incremento das contías que reciben pola prestación do servizo, así como axudas específicas para cubrir baixas por enfermidade.
Segundo explicou, as casas niño —centros de conciliación dirixidos a menores de 3 meses a 3 anos— dependen dunha subvención anual que apenas supera os 25.000 ou 29.000 euros, cantidade que debe cubrir todos os gastos: local, suministros, materiais, seguros, cotizacións, impostos e posibles substitucións. Estas condicións obrigan ás titulares, maioritariamente mulleres, a traballar en situación de precariedade.
Ariadna Fernández cualificou ás traballadoras como “falsas autónomas”, xa que só teñen como pagador á Consellería de Política Social, que tamén lles impón as condicións do servizo. Lembrou que, ademais, carecen de dereitos básicos: non teñen prestación por desemprego, deben notificar cun ano de antelación cando queren coller vacacións e non dispoñen de días libres.
A deputada advertiu de que esta situación está a poñer en risco a continuidade destas escolas no rural, imprescindibles para a conciliación das familias e para loitar contra o despoboamento. “Se economicamente non son viables, acabarán pechando”, alertou.
A iniciativa do BNG para mellorar a situación das casas niño foi rexeitada polo PP, que votou en contra.