BNG denuncia a “xestión desastrosa” da Consellería de Economía ao deixar sen executar 103 M€ en fondos europeos

O deputado e portavoz de Industria do BNG no Parlamento, Brais Ruanova, denunciou a “caótica e irresponsable” xestión da Consellería de Economía dos fondos europeos destinados ao tecido produtivo, á industria e á innovación. Segundo advertiu, quedaron sen executar 103 millóns de euros xa orzados, segundo recolle o último informe do Consello de Contas correspondente a 2023.
“A consellería que debería liderar a modernización da industria galega ofrece números de xestión desastrosa”, asegurou Ruanova, subliñando que esta situación supón unha perda de oportunidades e pon en risco futuros financiamentos europeos.
Segundo os datos do órgano fiscalizador, Economía recibiu preto de 246,4 millóns de euros a través de fondos europeos, situándose como o segundo departamento da Xunta con maior participación nestes recursos, por detrás de Medio Rural. Porén, só comprometeu o 51,8 % e pagou o 33,9 %, o que significa que só un terzo do orzamento chegou realmente aos beneficiarios.
O deputado criticou tamén que a consellería insista en contabilizar as baixas de créditos —os 103 millóns sen executar— sen unha xustificación real, unha práctica que, segundo indicou, “distorsiona a avaliación da execución para dar unha falsa imaxe de eficiencia”.
Ruanova advertiu de que, “cando Europa inviste en recuperación, resiliencia e tecnoloxía, o Goberno galego do PP responde con atrasos, burocracia e ineficacia”. Por iso, o BNG vén de rexistrar iniciativas para reclamar que se apliquen as recomendacións do Consello de Contas e se elabore unha planificación dos fondos europeos que conte co diálogo dos sectores produtivos.
Entre as propostas inclúese revisar as medidas de axilización administrativa que non deron resultado, avaliar os atrancos na xestión dos proxectos europeos e crear mesas sectoriais permanentes nos sectores estratéxicos para planificar o acceso, idoneidade e execución dos fondos comunitarios.