BNG denuncia o ataque israelí á Flotilla da Liberdade e exixe ao Goberno e á UE un posicionamento contundente

A senadora do BNG, Carme da Silva, reclama unha resposta clara ante o ataque ao buque Conscience e advirte de que se está “retransmitindo en directo un xenocidio”. Pide a fin do comercio con Israel, o respecto ao Dereito Internacional e o rexeitamento do incremento do gasto militar.
bng-pleno-abril
6 May 2025

A senadora do BNG, Carme da Silva, denunciou este luns no Senado o ataque ao buque Conscience da Flotilla da Liberdade, que pretendía entregar axuda humanitaria a Gaza, e reclamou ao Goberno español e á Unión Europea unha resposta “clara e contundente”. Segundo da Silva, este novo episodio representa unha “clara violación do dereito internacional” por parte do Estado de Israel.

“Estase a retransmitir en directo un verdadeiro xenocidio e unha limpeza étnica contra o pobo palestino”, afirmou con rotundidade, lembrando que hai máis de 80 anos que Palestina sofre ataques sistemáticos. A senadora nacionalista acusou á comunidade internacional e ao Estado español de “mirar cara outro lado” mentres a situación en Gaza se volve “salvaxe e insoportable”.

Durante a súa intervención, da Silva pediu activar todos os mecanismos posibles para permitir a entrada de axuda humanitaria e reclamou “o fin inmediato de todo tipo de relacións comerciais co Estado israelí”.

A parlamentaria tamén fixo referencia a outros conflitos internacionais, como o do Sáhara Occidental, exixindo ao Goberno español que rectifique a súa posición e rexeite o plan marroquí, e criticou os bombardeos estadounidenses en Yemen. Da Silva alertou ademais sobre o reinicio da violencia na República Democrática do Congo, tras as chamadas guerras polo Coltán, e reclamou unha implicación activa do Goberno para promover a paz.

Sobre o gasto militar, advertiu que “as armas non resolven conflitos” e que “máis investimento militar só alimenta a escalada bélica”. Apelou a redobrar os esforzos na vía diplomática e nas solucións pacíficas.

Finalmente, da Silva denunciou as “políticas lingüicidas” do Partido Popular pola súa negativa a permitir o uso do galego con normalidade no Senado. “Non poder facer esta intervención na nosa lingua é unha mostra do desprezo do PP polo galego”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.095123052597046