BNG denuncia que a vaga de lumes é “unha catástrofe evitable” pola falla de prevención da Xunta

O deputado ourensán e portavoz do Medio Rural do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, cualificou a vaga de lumes que arrasa o oriente ourensán como “a maior catástrofe ambiental, económica e social da historia recente de Galiza, mais tamén unha catástrofe evitable se a Xunta tivese aprobado e executado as axudas de prevención previstas”.
Fernández lembrou que a Consellería do Medio Rural “non executou nin unha soa medida preventiva neste ano” e que as axudas europeas e autonómicas para os montes veciñais e a prevención de incendios seguen sen adxudicar, a pesar de terse licitado obras a finais de 2024 que en agosto aínda non estaban resoltas.
Acusou ao Goberno galego de “deixar abandonadas ás veciñas e veciños, obrigándoos a defender as súas casas e explotacións cos seus propios medios, mentres o tan cacarexado servizo de extinción fracasaba estrepitosamente”.
O nacionalista advertiu que “a Xunta foi incapaz de controlar seis focos iniciais, convertendo un problema contido nun desastre de dimensión histórica”. Por iso reclamou un cambio profundo nas políticas forestais, con maior investimento en prevención, ordenación do territorio e apoio á actividade agraria e gandeira.
O BNG esixe tamén un plan inmediato de axudas e indemnizacións para vivendas, explotacións agrogandeiras, colmeares, viñedos, industrias e pequenos negocios. “É urxente garantir forraxe e recursos ás explotacións que perderon todo co lume, e asegurar que non quedan sen as axudas da PAC”, destacou.
“Agora o prioritario é apagar os lumes, poñer todos os medios humanos e materiais dispoñibles e atender á poboación afectada. Pero isto debe marcar un punto de inflexión: se non mudan as políticas forestais, Galiza seguirá sendo pasto das lapas cada poucos anos”, concluíu Fernández.