BNG denuncia que a Xunta recorta en docentes e especialistas e deixa atrás ao alumnado máis vulnerable

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou hoxe a política “excluínte” da Consellaría de Educación, que segundo a portavoz de Educación, Cristina Fernández Dávila, “está a deixar na cuneta” ao alumnado máis vulnerable con instrucións que recortan drasticamente os efectivos docentes e especialistas.
As medidas, que se aplicarán no curso 2025-2026, supoñen segundo o BNG “un ataque frontal” aos dereitos do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, xa que limitarán a atención especializada só a quen teña discapacidade recoñecida, excluíndo a outros casos salvo situacións “moi extraordinarias”. Isto, segundo Fernández Dávila, obrigará a moitas familias a acudir a centros especiais.
Entre os recortes denunciados destacan o aumento de ratios ata 28 estudantes por aula en Primaria, a eliminación de apoios en Infantil, a creación de agrupamentos de niveis non consecutivos con “graves consecuencias pedagóxicas” e a itinerancia do profesorado. Tamén criticou que programas como o PROA+ non poidan solicitar especialistas en Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe.
“A Consellaría está a anular os dereitos do alumnado a unha escolarización inclusiva. O resultado será menos tempo e menor calidade na atención educativa dos máis vulnerables”, asegurou a portavoz.
O BNG prevé que en poucas semanas familias, ANPAS e equipos directivos comecen a reclamar máis efectivos, polo que brindará o seu apoio ás mobilizacións e presentará iniciativas no Parlamento para garantir máis docentes e especialistas a principios de curso.
“Estes nenos e nenas teñen dereito a que se cumpran as recomendacións médicas e de orientación. A Xunta debe facelo efectivo e non recortar ata límites impensables”, concluíu Fernández Dávila.