BNG denuncia que as axudas da Xunta polos lumes son insuficientes e afastadas da realidade

O deputado e viceportavoz do BNG, Luís Bará, cualificou como “absolutamente insuficientes e afastadas da realidade socioeconómica” as convocatorias de axudas publicadas pola Xunta para facer fronte ás consecuencias dos lumes de agosto. Segundo denunciou, estas liñas de apoio non dan resposta nin á gravidade das perdas sufridas nin ás necesidades reais das persoas afectadas, deixando sen cobertura sectores económicos, vivendas, infraestruturas e mesmo o medio ambiente.
Bará criticou a excesiva carga burocrática, que obriga ás persoas afectadas a recorrer a asesorías externas, engadindo gastos nun momento de máxima vulnerabilidade. Tamén considerou insuficiente o prazo dun mes para presentar solicitudes, reclamando a súa ampliación, unha resolución gradual das peticións e unha flexibilización dos prazos da Axencia Tributaria de Galicia.
No sector primario, advertiu de que as axudas non contemplan a realidade das explotacións agrarias, gandeiras, forestais ou apícolas, e sobre todo ignoran o lucro cesante, o que compromete seriamente a viabilidade de moitas explotacións familiares. O BNG propón activar unha axuda directa e inmediata de 6.000 € para autónomos, pemes e proxectos de economía social.
En canto ás vivendas, Bará cualificou de “moi restritivas” as axudas máximas fixadas pola Xunta (132.000 €), lembrando que en Castela e León chegan a 182.000 € e en Portugal a 250.000. Por iso, o BNG reclama elevar o límite até os 200.000 €, garantir solucións inmediatas de aloxamento, plans de mellora urbanística en espazos públicos e a contratación urxente de servizos de desentullo e consolidación.
Tamén criticou que as liñas ambientais sexan restritivas e prioricen a caza fronte ás entidades de conservación e custodia do territorio, esquecendo a recuperación do patrimonio natural e cultural. Cualificou de “escandaloso” que non exista ningunha liña específica para protexer e recuperar o patrimonio arqueolóxico e etnográfico danado polos lumes.
Bará concluíu reclamando un cambio de rumbo inmediato por parte da Xunta: “As axudas non poden ser un parche nin un trámite burocrático, senón unha ferramenta real de recuperación económica, social e ambiental para as zonas máis afectadas polos incendios”.