BNG pide á Xunta que lidere a planificación aeroportuaria tras os recortes de Ryanair

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Paulo Ríos, denunciou na Comisión 2ª do Parlamento a grave situación derivada do anuncio de Ryanair de pechar a súa base en Santiago de Compostela e recortar rutas nesta terminal e na de Vigo.
Segundo o parlamentario nacionalista, esta decisión confirma “a febleza dun sistema aeroportuario galego dependente dos intereses privados dunha empresa que chantaxea ás administracións públicas co despedimento de traballadoras e a eliminación de servizos”.
Ríos lembrou que o ERE anunciado por Ryanair afecta a máis de cen traballadoras no aeroporto de Santiago, tanto de persoal de terra como de voo, o que supón “un ataque directo ao emprego e á continuidade dun servizo fundamental como é o transporte aéreo en Galiza”. O BNG reclamou unha negociación urxente coa compañía para retirar estas medidas e frear o expediente.
O deputado advertiu tamén da falta dunha estratexia común para os tres aeroportos galegos, que compiten entre si en lugar de cooperar. “Precisamos dunha planificación que pense en Galiza, que articule un sistema aeroportuario integral, coordinado e adaptado ás necesidades da cidadanía, en relación co ferrocarril”, sinalou.
Por iso, o BNG defende a apertura dun proceso de diálogo entre Concello, Xunta e Estado para articular unha rede aeroportuaria galega que xere sinerxías, evite duplicacións e garanta servizos de calidade sen depender das decisións unilaterais das compañías privadas.