BNG pide ao Estado que devolva as esculturas espoliadas de Carboeiro

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para demandar a implicación do Ministerio de Cultura no proceso de devolución das esculturas espoliadas do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, durante o franquismo. A senadora Carme da Silva defende que o Goberno do Estado debe actuar como mediador para facilitar o retorno destas pezas de valor histórico e simbólico á súa localización orixinal.
O BNG reclama que o Executivo central exerza as súas responsabilidades e interveña ante o Concello de Barcelona e o Museu Frederic Marès, onde están expostas actualmente estas obras do século XII: un Cristo en Maxestade e unha talla dos evanxelistas San Lucas e San Xoán.
Segundo explicou da Silva, a lexislación de 1931 xa protexía o Mosteiro de Carboeiro como Monumento histórico-artístico, polo que a súa espoliación en 1957 representa un delito imprescritíbel. A senadora basea a denuncia nos traballos do historiador Francisco Prado-Vilar, quen documentou a orixe ilícita das esculturas.
“É necesario reparar esta inxustiza histórica e devolver á Galiza un patrimonio que forma parte da súa identidade cultural e espiritual”, sinalou da Silva. Ademais, lembrou que o BNG xa levou este asunto ao Parlamento galego, e agora fai o propio nas Cortes para que o Estado cumpra co seu deber.
O Mosteiro de Carboeiro é unha das xoias do románico cisterciense galego. Situado en Silleda, ao pé do río Deza, foi vítima de diversos espolios durante o século XX, pero o das esculturas medievais destaca pola súa importancia artística e pola súa relación coa escola do Mestre Mateo.