O BNG pide recoñecer legalmente as comunidades de montes como comunidades enerxéticas de pleno dereito

Néstor Rego defenderá no Congreso unha iniciativa para que o Goberno elimine atrancos legais e permita que o rural galego participe plenamente na transición enerxética
Nestor Rego
17 Nov 2025

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá na Comisión de Transición Ecolóxica unha iniciativa para que o Goberno do Estado recoñeza xuridicamente as comunidades de montes veciñais en man común como comunidades enerxéticas de pleno dereito, de acordo coa Lei 24/2013. A proposta será debatida e votada o vindeiro 19 de novembro.

Rego considera que esta modificación é “imprescindíbel” para eliminar os atrancos legais que impiden que as comunidades de montes —unha figura xurídica histórica en Galicia— poidan promover proxectos propios, acceder a axudas e participar dunha maneira real na transición enerxética: “O rural galego non pode quedar fóra dun proceso que debe democratizar a enerxía e favorecer o desenvolvemento local”.

Un modelo distribuído e socializado

O deputado nacionalista alertou de que a actual ausencia de encaixe legal das comunidades de montes na normativa estatal está a excluílas das axudas e das convocatorias destinadas a comunidades enerxéticas. Isto, subliñou, supón unha desvantaxe clara para o rural, especialmente nun momento no que a cidadanía “sofre un oligopolio eléctrico que xera beneficios multimillonarios para uns poucos e prexuízos para a maioría social”.

Rego insistiu na necesidade dun modelo distribuído e de proximidade, no que as comunidades de montes xogan un papel estratéxico: “Poden ser actores centrais na produción de enerxía renovábel, xerando riqueza e servizos para aldeas e parroquias”.

Un potencial de 650.000 hectáreas

O BNG lembra que o monte veciñal representa arredor do 20% do territorio galego, con máis de 650.000 hectáreas xestionadas por unhas 3.000 comunidades. Para Rego, esta realidade supón “un potencial económico enorme” que non se pode desaproveitar.

Por iso, reclama que o Goberno do Estado desenvolva unha regulación específica para as comunidades enerxéticas de base cidadá no rural e recoñeza expresamente as comunidades de montes como tales cando o soliciten, “sen obrigalas a recorrer a figuras asociativas alleas á súa realidade”.

Rego concluíu asegurando que a transición enerxética debe ser “unha oportunidade para crear emprego, fixar poboación e garantir unha xestión enerxética máis xusta”, e que o Estado “ten a obriga de facilitar, non de impedir”.

⚙ Configurar cookies
0.24311900138855