BNG reclama apoio á industria galega ante a guerra comercial dos EUA

Néstor Rego alerta do impacto dos novos aranceis estadounidenses sobre sectores clave da economía galega e pide medidas urxentes e soberanía para defender os intereses do país.
Nestor Rego
10 Apr 2025

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advertiu este martes das graves consecuencias económicas que poden derivarse para sectores estratéxicos da economía galega, como o conserveiro, pesqueiro, vitivinícola, metalúrxico, de maquinaria ou farmacéutico, tras os aranceis impostos pola administración estadounidense. Rego cualificou a situación de “guerra comercial promovida polos oligarcas da administración americana” no marco do que definiu como “un imperio en decadencia”.

Durante a súa intervención na comparecencia do ministro de Economía, Carlos Cuerpo, Rego sinalou que estas medidas arancelarias son unha expresión da crise do modelo neoliberal globalizado e da emerxencia dun novo mundo multipolar. “O que preocupa non é tanto a existencia de aranceis, senón a súa aplicación arbitraria, que desestabiliza as relacións comerciais e prexudica sectores fundamentais da nosa economía”, indicou.

O BNG esixe ao Goberno central medidas de apoio directo aos sectores afectados, condicionadas ao mantemento do emprego e á non deslocalización. Rego insistiu en que “estas axudas deben basearse en criterios de equidade e responder á relevancia estratéxica de cada sector”.

Ao mesmo tempo, advertiu contra o uso desta situación como escusa para reactivar tratados comerciais como o acordo UE-Mercosur, que considera “lesivos para Galiza e os países do sur global”. Rego defendeu tamén un modelo económico sustentábel baseado no fortalecemento dos sectores produtivos propios e na diversificación dos mercados exteriores, apostando por estreitar lazos coa Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP).

Finalmente, Rego puxo en dúbida a firmeza da Unión Europea fronte á política comercial dos EUA e criticou a recente decisión do Goberno español de aprobar un crédito de máis de 2.000 millóns de euros para comprar armamento a empresas estadounidenses.

“É fundamental evitar que os custos dunha nova crise provocada polos poderosos recaian sobre os pobos e as clases traballadoras”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.11044478416443