BNG reclama medidas urxentes para impedir a expansión da Peste Porcina Africana

O Bloque Nacionalista Galego reclamou este 1 de decembro actuacións inmediatas e coordinadas do Estado e da Xunta de Galiza para impedir a expansión da Peste Porcina Africana (PPA) após a súa detección no Estado.
Carme da Silva e Ariadna Fernández advertiron da enorme preocupación no sector porcino polo impacto sanitario, económico e comercial que podería supoñer a entrada do virus na comunidade, especialmente ante os avisos de terceiros países que xa anunciaron bloqueos ás importacións de carne española.
O BNG lembrou que Galicia representa o 4 % da produción estatal, con máis de 1.200 explotacións profesionais, 2.000 empregos directos e unha facturación superior aos 720 millóns de euros anuais. “A protección do sector debe ser absoluta e inmediata”, subliñan.
A senadora Carme da Silva anunciou o rexistro de iniciativas nas Cortes para esixir ao Ministerio de Agricultura unha coordinación real coas Comunidades Autónomas e co sector, así como unha negociación inmediata coa UE e terceiros países para garantir a aceptación da territorialización do foco localizado en Catalunya.
A representante nacionalista advertiu de que non se pode permitir que explotacións en territorios libres de PPA, como Galicia, sufran bloqueos indiscriminados que causarían perdas millonarias. “China recoñece a territorialización; o Estado non pode resignarse nin aceptar suspensións de importacións de todo o territorio”, afirmou.
Da Silva insistiu tamén en reforzar a vixilancia, a bioseguridade e a prevención debido á alta densidade de xabarís en Galicia. “Un só caso podería supoñer un desastre económico e o colapso dos matadoiros”, advertiu.
No Parlamento galego, Ariadna Fernández esixiu á Consellería do Medio Rural medidas inmediatas para reforzar a prevención fronte á PPA, lembrando que algunhas cepas poden ter mortalidades de ata o 100%.
Fernández alertou da expansión do virus en xabarís en Catalunya e relacionou esa situación co exceso de poboación en Galicia, onde levan meses activadas zonas de emerxencia cinexética. “É un risco coñecido, evidente e inasumible. A Xunta non pode seguir inmóbil”.
A parlamentaria defendeu catro eixos de actuación:
- Un plan integral de xestión do xabaril con medios e orzamento estable.
- Control exhaustivo da fauna silvestre.
- Campañas informativas para produtores e cidadanía sobre bioseguridade.
- Activación e revisión de plans de continxencia para garantir resposta rápida ante un eventual gromo.
Ambas representantes coinciden en que “protexer o sector porcino galego é unha prioridade estratéxica” e reclaman ao Estado e á Xunta que actúen con rigor técnico, anticipación e responsabilidade.