BNG rexeita a mina de Doade porque “é un cabalo de Troia vestido de verde que agocha unha grande ameaza para Galiza"

A deputada do BNG Noa Presas acusou ao Goberno do PP de "branquear" o novo proxecto da mina de Doade, ao que se referiu como "un cabalo de Troia vestido de verde que agocha unha grande ameaza para Galiza". Denunciou que se trata dun obstáculo para o futuro ambiental e produtivo do País, que impacta directamente na bacía do Miño, a serra Suído-Seixo e sectores como o vitivinícola.
Presas lembrou que toda a fase industrial da mina realizarase fóra de Galiza, deixando o territorio galego sen beneficios e con todos os impactos ambientais. Acusou ademais ao PP de replicar o "modus operandi da eólica", fragmentando proxectos para ocultar o seu impacto real, como xa sucedera coa petición de Minerales de Galicia S.A. en 2018.
Advertiu que o proxecto prevé o uso de maquinaria pesada, consumo de grandes volumes de auga e verteduras industriais en zonas sensibles, afectando á biodiversidade e ao abastecemento humano. Chamou a defender os intereses colectivos e rexeitar proxectos lesivos como este, que considera un exemplo de colonialismo económico e ambiental.