BNG rexeita a reforma do PP en atención primaria porque "empeora as condicións do persoal"

A deputada do BNG na área de sanidade, Iria Carreira, acusou o Goberno do PP de impulsar unha reforma na atención primaria que, lonxe de mellorar o sistema, vai consolidar o seu deterioro e empeorar as condicións laborais do persoal facultativo dos centros de saúde.
“O Partido Popular pon enriba da mesa unha reforma da atención primaria que consolida pola vía dos feitos o seu deterioro e, ademais, fai saltar polos aires este nivel asistencial”, advertiu Carreira, quen acusou o Executivo de Alfonso Rueda de intentar cargar sobre as profesionais dos centros de saúde as consecuencias da súa falta de planificación.
A deputada lembrou que “hai moitos anos que se sabía o número de xubilacións que se ían producir”, mais os sucesivos gobernos do PP “mantiveron unha folla de ruta dirixida a deteriorar a atención primaria, reducindo orzamentos e capacidade de xestión”.
Carreira criticou que, baixo o pretexto de paliar o déficit de médicos e médicas de familia, o PP pretenda eliminar a posibilidade de contar con persoal propio nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e nos centros de saúde, obrigando o persoal a asumir gardas adicionais. “Empeora ademais as condicións de traballo ao introducir a obrigatoriedade de facer horas de garda nos PAC, a maiores da xornada ordinaria, privando da posibilidade de solicitar a exención ás profesionais de máis idade”, indicou.
A deputada nacionalista advertiu tamén de que “a creación da especialidade de Medicina de Familia foi un fito que puxo a atención primaria ao nivel da hospitalaria e non se pode permitir volver atrás”. Por iso, rexeitou que o PP pretenda agora “flexibilizar os requisitos vía MIR” para acceder á especialidade.
Carreira afirmou compartir o “profundo rexeitamento” que a proposta do PP está a xerar entre as e os profesionais da atención primaria e expresou o apoio do BNG á convocatoria de folga do próximo 26 de novembro.
A deputada acusou o Executivo de ter a atención primaria “infradotada, infravalorada e desprestixiada”, situando a Galicia á cola do Estado en investimento. O BNG, lembrou, propón blindar por lei que este nivel asistencial reciba o 25 % do orzamento total da Consellería de Sanidade, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), co obxectivo de garantir o dereito á saúde da cidadanía.
Entre as propostas do Bloque destaca tamén a creación de novas categorías profesionais, como a psicoloxía clínica, co fin de contar con “verdadeiros equipos multidisciplinares” nos centros de saúde. “Precisamos unha atención primaria libre de recortes e listas de espera, con recursos materiais e humanos suficientes para atender ás necesidades da poboación”, concluíu.