BNG rexeita o teito de gasto do PP por ser “a mesma propaganda de sempre” e non atender as necesidades da maioría social

O BNG votou en contra do proxecto de teito de gasto do Goberno de Alfonso Rueda ao considerar que suporá novos recortes en servizos públicos e que responde unicamente á “mesma propaganda de sempre” do Partido Popular. Así o defendeu no Pleno a portavoz nacionalista de Facenda, Noa Presas, quen advertiu que a suba prevista do 1,6% —223 millóns de euros— nin sequera compensa a inflación de 2024, situada no 2,7%.
Presas denunciou que o teito de gasto non é ambicioso nin expansivo, senón un recorte encuberto que anticipa uns orzamentos repetitivos para 2026, incapaces de facer fronte á crise dos servizos públicos e de mellorar a vida da maioría social. “A Xunta vai ter menos porque hoxe prestar os mesmos servizos custa máis”, sinalou.
A deputada criticou que o Goberno galego use este debate como “manobra de distracción” para evitar abordar a reforma do financiamento autonómico. “É un momento histórico, pois por primeira vez en 14 anos vaise negociar un novo sistema, e a Xunta, no canto de defender a Galicia, sométese ás directrices de Génova”, afirmou.
Segundo Presas, Galicia perde 1.535 millóns de euros anuais co actual modelo de financiamento. Por iso instou a Rueda a reclamar a quita da débeda que o BNG conseguiu introducir na axenda estatal e a impulsar un novo sistema que permita recaudar e xestionar os propios impostos.
A portavoz tamén acusou ao PP de manter unha política fiscal que favorece ás rendas máis altas, facendo que Galicia perda máis de 500 millóns de euros ao ano, e de realizar recortes en sanidade e no Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Neste último caso, lembrou o recente asasinato no Porriño dunha traballadora do SAF, que cualificou de “vítima do machismo e da indefensión laboral”, reclamando medidas urxentes para protexer a este colectivo.
Presas tamén pediu o cesamento inmediato do director xeral de Violencia de Xénero e da conselleira de Igualdade polas súas declaracións “culpabilizadoras” das vítimas de violencia machista e polo desprezo ás políticas de prevención.