BNG urxe á Xunta do PP a mellorar o financiamento e servizos básicos que axuden a frear o despoboamento dos concellos

O deputado do BNG, Óscar Insua, denunciou na Comisión 1ª do Parlamento a grave situación financeira dos concellos galegos e urxiu á Xunta a adoptar medidas inmediatas para garantir a súa viabilidade e contribuír a frear o despoboamento dos municipios.
Neste sentido, reclamou ao PP que escoite as recomendacións do Consello de Contas, que alertan da necesidade de facer un reparto financeiro máis xusto, sen discriminacións entre concellos.
Falta de financiamento para servizos esenciais
O BNG leva tempo denunciando a crítica situación financeira que atravesan moitos concellos galegos. Actualmente, é imposible garantir a prestación de servizos básicos como a axuda no fogar ou a atención ás persoas dependentes.
Entre os problemas máis urxentes, Insua destacou a falta de financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e para as escolas infantís non integradas no Consorcio Galego, servizos que os concellos teñen que asumir sen o apoio suficiente da Xunta.
O deputado nacionalista lembrou que este problema non é novo, senón que se arrastra dende hai décadas pola falta de actualización do sistema de financiamento local, cuxa última reforma data de 2004.
Dende entón, nin o PP nin o PSOE foron quen de reformalo, provocando que os municipios continúen sen recursos suficientes para cumprir cos seus compromisos e garantir o benestar da súa veciñanza.
O PP ignora as advertencias do Consello de Contas
Óscar Insua criticou que, a pesar das graves advertencias do Consello de Contas sobre a insuficiencia do Fondo de Cooperación Local (FCL), o goberno de Alfonso Rueda segue aplicando medidas inadecuadas e discriminando os municipios, especialmente os que están en risco demográfico.
Por este motivo, o BNG presentou unha iniciativa parlamentaria —rexeitada polo PP— na que reclamaba incrementar o Fondo Base de Cooperación Local para que os municipios dispoñan dunha financiación incondicionada.
Segundo Insua, este aumento do FCL reduciría o reparto “discrecional e discriminatorio” que o PP realiza a través de ordes de axudas e convenios.
Ademais, o BNG esixía modificar a lei para definir os criterios que determinan cando un municipio está en "situación de reto demográfico", algo que, segundo o Consello de Contas, a Xunta non fixo a pesar de aprobar en 2021 unha lei de Impulso Demográfico.
En súa intervención, Insua recriminoulle ao PP a súa falta de planificación e dependencia do Estado para resolver os problemas demográficos de Galicia.
Aproveitar os 4.000 millóns da condonación da débeda
Por último, o deputado nacionalista instou ao PP a recoller os 4.000 millóns de euros da condonación da débeda galega conseguida polo BNG na súa negociación co Goberno central.
Segundo Insua, estes fondos poderían servir para mellorar a financiación dos servizos básicos nos municipios galegos e contribuír a frear o despoboamento de moitas localidades.