Boas previsións de cara á vendima 2026 nas cinco denominacións de orixe

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou as boas previsións de cara á tempada de vendima deste ano nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas e a aposta de Galicia pola calidade e o prestixio dos seus viños. Fíxoo durante a súa visita a Bodegas Ladairo, situada no concello ourensán de Oímbra, na que detallou que os consellos reguladores estiman que a produción pode roldar os 81 millóns de quilos, o que suporía un récord absoluto, sempre e cando as condicións meteorolóxicas se manteñan como ata agora.
Durante a visita, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; puxo en valor que a meteoroloxía rexistrada ata o momento favorecen esta previsible colleita abondosa. No caso concreto da DO Monterei, á que pertence Ladairo, resaltou que se agarda bater un novo récord de produción ao chegar a uns 8,5 millóns de quilos.
Con respecto ao resto das DO, na Rías Baixas agárdase un cantidade de uva recollida similar á do ano pasado, mentres que tanto Ribeiro, como Ribeira Sacra e Valdeorras estiman que se superará a colleita do 2025. En canto ao tempo de inicio, a conselleira explicou que continúa a tendencia a adiantar a tempada de vendima e na maioría das DO será a mediados do mes de agosto, con excepción de Monterrei, onde se espera que sexa a finais do próximo mes ou a principios de setembro.
A maiores, puxo en valor que a fortaleza do sector vitivinícola galego reside na calidade dos seus viños, amparados por estas denominacións de orixe. Neste senso, o principal reto pasa por seguir xerando valor a través desa excelencia, a diferenciación e o prestixio dos nosos produtos vitivinícolas.
A maiores, a titular de Medio Rural reafirmou o seu compromiso co sector vitivinícola galego, que se traduce nun investimento anual de arredor de 12 millóns de euros a través de diferentes liñas de axuda. Entre elas destacas as achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo; de transformación e comercialización de produtos vitivinícolas; de promoción en terceiros países ou a liña para a conservación paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra.
Tamén resaltou o apoio á promoción co Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado este ano cun orzamento de 10 millóns de euros, dous millóns máis que no ano 2025. O seu obxectivo é reforzar a promoción destas producións, entre elas o viño, incrementar o seu posicionamento nos mercados e seguir xerando valor para os produtores e para o conxunto do rural galego.