Bota a andar o XVI Santiago(é)Tapas con 42 locais e 68 propostas gastronómicas

O certame, que se celebrará ata o 2 de marzo, convida a percorrer as rutas de tapas inspiradas nos Camiños de Santiago
Santiago e tapas 2025
Santiago e Tapas 2025
14 Feb 2025

O concurso gastronómico Santiago(é)Tapas arrancou este venres cun acto inaugural no local La Morena, un dos gañadores da pasada edición. A cita, organizada por Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, prolongarase ata o 2 de marzo coa participación de 42 establecementos da cidade.

Na inauguración estiveron presentes a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a concelleira de Turismo, Miriam Louzao; e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. Tamén asistiron representantes das empresas patrocinadoras e colaboradoras, como Pedro López e Guillermo Fernández, de Estrella Galicia, e Martín Alemparte, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

Máis rutas e máis tapas

Este ano o certame ofrece 68 tapas, sete máis que na edición anterior, que se poderán degustar nos 42 locais participantes. Os establecementos están organizados en sete rutas, cada unha co nome dun Camiño de Santiago, ademais de tres rutas temáticas:

  • Sen glute
  • Vexetariana
  • Doce

As persoas que completen algunha destas rutas poderán optar a premios a través do Tapasporte, un documento en formato libriño dispoñible en todos os locais participantes e na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63), aberta de 10:00 a 18:00 horas de luns a domingo.

Ademais, o sábado 15 de febreiro haberá un premio especial para quen presenten selos de consumo nos cinco establecementos con Selo de Calidade Turística SICTED:

  • Bodeguilla de San Lázaro
  • Bodeguilla de Santa Marta
  • Redes
  • O Sendeiro
  • Orixe

Apoio ao sector hostaleiro en tempada baixa

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, salientou a importancia do evento nun período do ano con menor actividade na hostalaría:

“O ano pasado foi un éxito, conseguimos que moita xente se achegase aos bares e restaurantes nunha tempada de menor consumo. Este ano aumentamos o número de locais e os percorridos son magníficos”, afirmou a rexedora, animando á veciñanza a “visitar Compostela, gozar da gastronomía e probar estas tapas deliciosas”.

Premios á creatividade e maridaxes especiais

O certame entregará diferentes premios ás mellores creacións gastronómicas, combinando a votación do xurado profesional coa do público. Outorgaranse os seguintes galardóns:

  • Mellor tapa creativa (1.000 euros e diploma)
  • Mellor tapa tradicional (1.000 euros e diploma)
  • Mellor tapa doce (1.000 euros e diploma)
  • Mellor tapa sen glute (200 euros en produtos aptos para celíacos)
  • Mellor maridaxe con cervexa Estrella Galicia (500 euros en produto)
  • Mellor maridaxe con viño Ponte da Boga (500 euros en produto)

O público poderá votar mediante códigos QR entregados nos establecementos. Entre os participantes sortearase un agasallo especial.

O XVI Santiago(é)Tapas está organizado por Turismo de Santiago dentro da marca Compostela Gastronómica, con patrocinio de Hijos de Rivera e colaboración de AGACAL, Mercado de Abastos, Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA, Utimaq, Obradoiro CAB e SD Compostela.

0.06083607673645