Bronce nacional para Noa Álvarez e Carolina Cagiao no Campionato de España co Olímpico do Mandeo

O Club Remo Olímpico do Mandeo regresa de Sevilla cun resultado para lembrar. A entidade competiu esta fin de semana no Campionato de España de Remo Olímpico das categorías alevín, infantil e veterán, unha cita que reuniu a máis dun milleiro de deportistas no CEAR La Cartuja e na que o club deixou a súa pegada cunha medalla de bronce.
O gran éxito chegou da man de Noa Álvarez e Carolina Cagiao, que competiron no dobre scull infantil feminino. Tras superar as probas clasificatorias, a parella logrou meterse na Final A, onde asinou unha regata de moito nivel e máxima igualdade para subir ao terceiro chanzo do podio nacional.
O bronce supón un importante recoñecemento ao traballo das dúas deportistas e tamén ao esforzo dun equipo que, malia as dificultades da tempada, volveu demostrar a súa capacidade competitiva nun dos escenarios máis esixentes do remo estatal.
Tamén tivo unha destacada actuación Alexander Pan no skiff infantil masculino. O remeiro conseguiu clasificarse para a Final B e rematou o campionato no 12º posto de 24 participantes, confirmándose entre os mellores da súa categoría a nivel nacional.