Bryan Adams actuará no Coliseum o 16 de novembro coa xira 'Roll With The Punches 2026'

Bryan Adams regresará a España en 2026 e incluirá unha parada en Galicia. O artista canadense actuará no Coliseum o vindeiro 16 de novembro como parte da súa xira 'Roll With The Punches 2026', despois do éxito dos seus concertos de 2025.
Coñecido por un directo enérxico e por un repertorio cheo de temas xa clásicos, Adams suma máis de catro décadas de carreira e acumula números un en máis de 40 países. Ao longo dos anos recibiu múltiples recoñecementos, entre eles un Grammy, varios American Music Awards e tres nomeamentos aos Óscar, ademais de cinco aos Globos de Ouro. Tamén foi nomeado Compañeiro da Orde de Canadá.
A venda de entradas para o concerto da Coruña comezará o 6 de marzo ás 10.00 horas, no despacho de venda da praza de Ourense e tamén por Internet.
Desde o Concello da Coruña salientaron o tirón da programación musical da cidade. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, asegurou que 'a substancial e evidente mellora da oferta musical na Coruña é froito do esforzo do goberno de Inés Rey por converter a cidade nun referente da escena cultural nacional' e que os grandes artistas 'queren tocar aquí porque saben que o público é melómano e apaixoado'.