Caballero anuncia a venda de 5.000 reservas para The Black Keys con prioridade para a veciñanza de Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou esta mañá a data de venda das reservas para o concerto que The Black Keys ofrecerá o luns 21 de xullo ás 22:00 horas no Auditorio de Castrelos. En total sairán á venda 5.000 prazas para acceder á platea do auditorio, cun custo de 15 euros por persoa.
A venda terá lugar o vindeiro martes, 15 de xullo, e dividirase en dúas quendas horarias: de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. En cada unha delas ofreceranse 2.000 entradas físicas e 500 online. As reservas serán nominativas, polo que será necesario presentar copia do DNI das persoas destinatarias.
Caballero defendeu a prioridade da venda presencial no propio auditorio, con 4.000 das entradas dispoñibles neste formato fronte ás 1.000 online. “Os concertos págaos Vigo, polo que quero darlle vantaxes á xente de Vigo”, sinalou o rexedor, que advertiu que co formato telemático “poderían mercarse dende cidades a 500 ou 1000 quilómetros”.
Cada persoa poderá retirar un máximo de catro reservas nominativas, co obxectivo de garantir o acceso equitativo e evitar reventa.
🔹 Entradas para Ana Belén
Tamén hoxe comezou a venda das reservas para o primeiro concerto do ciclo Vigo en Festas 2025, protagonizado por Ana Belén. Segundo informou o alcalde, “vendéronse practicamente todas as que se ofertaban” na sesión da mañá. A segunda quenda, dispoñible a partir das 16:00 horas, permitirá acceder ás entradas para o concerto do sábado 12 de xullo.