Caballero felicita aos bombeiros de Vigo desprazados para colaborar na extinción dos incendios en Galicia

O alcalde visitou o parque de Teis para agradecer o labor dos bombeiros vigueses que colaboraron na loita contra os lumes en Ourense e outras zonas de Galicia.
Bomberos Vigo
24 Aug 2025

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou hoxe o parque de Bombeiros de Teis acompañado pola concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, e pola concelleira de Atención á Cidadanía, Patricia Iglesias, para coñecer o dispositivo de emerxencias activado fronte aos incendios forestais e felicitar aos efectivos desprazados a diferentes puntos de Galicia.

Caballero destacou o traballo do retén de cinco bombeiros e un camión con capacidade para 4,5 toneladas de auga enviado nos últimos días a concellos gravemente afectados polos lumes, como A Rúa, Ribadavia, Verín, Salceda de Caselas, As Neves ou mesmo á Costa da Morte. O rexedor amosou o seu orgullo polo compromiso do Corpo de Bombeiros de Vigo e asegurou que a cidade seguirá á disposición da Xunta para colaborar en todo o necesario.

Durante a visita, o alcalde comprobou o funcionamento dos diferentes medios técnicos, facendo especial referencia á motobomba 4x4, que permite realizar tarefas de extinción en condicións de máxima seguridade. “É unha máquina que protexe aos bombeiros, cun alto grao de seguridade a pesar de que sempre é unha profesión de risco”, afirmou.

Caballero aproveitou para poñer en valor os investimentos do goberno local nos parques de bombeiros da cidade, cunha infraestrutura nova, outra remodelada e unha ampliación do cadro de persoal. Lembrou que Vigo contará con ata 140 bombeiros antes de finais de ano, unha vez finalicen as OPE en marcha, e coa creación de 10 prazas adicionais na RPT municipal.

⚙ Configurar cookies
0.33417296409607