Caballero reclama manter Vigo como sede dos exames MIR e insiste na creación dunha facultade de Medicina

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves que remitirá senllas cartas ao Ministerio de Sanidade e á Xunta de Galicia para reclamar que se manteña Vigo como sede dos exames para optar a unha praza de médico interno residente (MIR). A decisión de suprimir estas probas na Universidade de Vigo, segundo explicou, foi adoptada por ambas as administracións e afecta ao campus de Lagoas Marcosende, onde ata agora se realizaban os exames na facultade de Ciencias Empresariais e Económicas.
Caballero cualificou de “disparate, véxase desde onde se vexa” esta decisión, lembrando que Vigo é “a cidade máis importante do oeste peninsular” e que só este ano participaron 549 graduados en Medicina dos 1.850 que se examinaron en Galicia.
O rexedor tamén criticou con dureza a oposición da Xunta á creación dunha facultade de Medicina en Vigo. Segundo denunciou, a administración autonómica mantén un modelo docente centralizado na Universidade de Santiago de Compostela e resístese a descentralizar a formación sanitaria.
“Non imos parar ata conseguir que Vigo teña facultade de Medicina”, proclamou Caballero, quen tachou de “surrealista” o feito de que só exista unha facultade de Medicina en toda Galicia, unha comunidade con 2,7 millóns de habitantes. Asegurou que se trata dunha situación única en toda España e cualificou de “intolerable e incomprensible” que a Xunta non sexa consciente da realidade demográfica e sanitaria da comunidade.