Cabo de Cruz domina a II Bandeira de Bateis Deputación da Coruña en Muros

O Club de Remo Cabo de Cruz converteuse no gran protagonista da II Bandeira de Bateis Deputación da Coruña, celebrada este sábado no porto de Muros, ao lograr o primeiro posto tanto na clasificación masculina como na feminina da competición.
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou no acto de entrega das dúas bandeiras aos representantes da entidade boirense, que pechou unha destacada actuación nunha cita centrada na promoción do remo base.
A competición, organizada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Remo e o Club de Remo Muros, reuniu embarcacións das categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil e sub-23, tanto en categoría masculina como feminina. As probas desenvolvéronse ao longo da xornada con quendas clasificatorias durante a mañá e finais pola tarde, en percorridos adaptados ás diferentes idades.
Durante a xornada, Antonio Leira destacou a importancia desta iniciativa, sinalando que a bandeira representa unha aposta polo deporte base e polo labor dos clubs que traballan diariamente para conservar unha tradición estreitamente vinculada ao mar, á costa e á identidade galega, como é o remo.
O responsable provincial tamén agradeceu o traballo desenvolvido pola Federación Galega de Remo e polo Club de Remo Muros na organización do evento, ademais de poñer en valor a implicación das familias, técnicos e entidades participantes. Segundo indicou, detrás de cada unha das embarcacións participantes hai numerosas horas de esforzo, preparación e aprendizaxe, un traballo que a institución provincial quere recoñecer.
Ademais das bandeiras masculina e feminina destinadas aos clubs con maior puntuación global, a organización tamén entregou medallas de ouro, prata e bronce ás tres embarcacións máis rápidas en cada unha das categorías participantes.