'Cada Neno, Un Xoguete' pecha a primeira fase de Nadal con máis de 15.000 xoguetes entregados en Galicia

A campaña solidaria 'Cada Neno, Un Xoguete' deu por pechada a primeira fase de entregas, correspondente ao Nadal, cun balance que a organización cualifica de moi positivo: máis de 15.000 xoguetes distribuídos en só unha semana en toda Galicia. Do total, 5.000 foron destinados a asociacións e colectivos sociais de distintos puntos do país, mentres que 10.000 chegaron a máis de 300 familias, atendidas de forma directa no almacén central da iniciativa.
Desde a coordinación destacan o esforzo loxístico e humano concentrado nestes días, nos que persoas voluntarias, entidades colaboradoras e equipos de distribución traballaron para que a entrega chegase a tempo nas datas de maior demanda. A campaña subliña que o obxectivo vai máis alá do material: cada xoguete, sinalan, é tamén un xesto de apoio e acompañamento para familias en situación de vulnerabilidade.
A primeira fase incluíu tamén un envío solidario a Senegal, articulado coa colaboración da organización Da Man, con base en Redondela, como parte do enfoque da iniciativa de estender a axuda máis alá do ámbito local cando é posible.
Co remate do reparto de Nadal, a campaña anuncia xa a segunda fase, ligada aos Reis. As entregas retómanse este venres 26 de decembro, mantendo o mesmo punto de atención do operativo e o horario habitual: de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas.