Cadea humana na ponte de Portodemouros “pola auga e pola vida, nin Altri nin Mina”

As plataformas Ulloa Viva e Mina de Touro-O Pino Non convocan unha cadea humana o 9 de novembro na ponte do encoro de Portodemouros en defensa do río Ulla, para denunciar o impacto ambiental dos proxectos industriais de Altri e da mina de Touro-O Pino.
Fervenza das Hortas
2 Nov 2025

As plataformas Ulloa Viva e Mina de Touro-O Pino Non convocan para o vindeiro 9 de novembro unha “cadea humana en defensa do río Ulla”. A mobilización terá lugar na ponte do encoro de Portodemouros, entre os concellos de Arzúa e Vila de Cruces, baixo o lema “Pola auga, pola vida, nin Altri nin Mina”.

A acción simbólica comezará ás 11.30 horas, cando dous grupos de manifestantes partirán desde a Fervenza das Hortas (Dombodán, Arzúa) e desde a Capela de San Ramón (Vila de Cruces) para atoparse ás 12.00 no centro da ponte e formar a cadea humana.

As organizacións convocantes fan un chamamento á veciñanza das comarcas afectadas polos proxectos industriais de Altri en Palas de Rei e da Mina de Touro-O Pino, ambos declarados “estratéxicos” pola Xunta de Galicia. Segundo denuncian, estas iniciativas “afectarían á biodiversidade, contaminarían as augas do Ulla e da Ría de Arousa, o aire e as terras próximas, ademais de favorecer a eucaliptización e a depredación dos recursos naturais, xerando perigosos residuos”.

As plataformas aseguran que tanto Altri como a mina “constitúen unha perigosa ameaza para o corazón de Galicia”, xa que afectan a toda a conca do río Ulla —a segunda máis longa do país— e ás actividades socioeconómicas das zonas rurais e costeiras. Lembran, ademais, que a Ría de Arousa é a de maior produción marisqueira de Galicia, España e Europa, polo que o impacto ambiental tería consecuencias en toda a cadea produtiva.

“Estamos ante ameazas que poñen en risco a economía galega, o medio ambiente, o benestar e a saúde da poboación”, subliñan desde Ulloa Viva e Mina de Touro-O Pino Non, que convidan a toda a cidadanía a participar nesta mobilización “pacífica e reivindicativa en defensa do Ulla e contra os proxectos industriais que pretenden impoñerse á forza no noso territorio”.

⚙ Configurar cookies
0.29722619056702