Cambados celebra a Festa da Vieira con máis días de sabor, música e tradición

Cambados prepárase para vivir unha das citas máis esperadas do verán. Do 17 ao 20 de xullo, a vila acollerá a XXI edición da Festa da Vieira, unha celebración gastronómica que se consolida no calendario estival de Galicia e que este ano medra en duración e actividades.
Impulsada pola Confraría de Pescadores de San Antonio e Porto de Cambados, coa colaboración do Concello, a festa esténdese a catro xornadas consecutivas, cunha programación que mestura tradición mariñeira, creatividade culinaria e música ao vivo.
A carpa gastronómica, situada no Paseo da Calzada, abrirá o xoves pola tarde e funcionará tamén en horario de mediodía e noite ata o domingo. A organización agarda superar as 16.000 racións servidas, cunha oferta que vai desde a clásica vieira ao forno ata receitas máis innovadoras como vieira crocante con crema especiada de cabaza ou arroz meloso con volandeira. Todas as racións terán prezos populares.
Un dos grandes atractivos do evento serán os showcookings gratuítos, que terán lugar cada mañá, de venres a domingo, na praciña da Casa da Calzada. Participarán recoñecidos cociñeiros como Miguel Mosteiro, Marcos Arufe e o equipo do Obradoiro de Hostalería do Salnés. As prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo de Cambados.
A música tamén terá un papel protagonista, con sesións vermú e concertos nocturnos no Paseo da Calzada. Actuarán Xironsa, Fanfarria Furruxa, A Movida, Take it Easy, Rock and Prol e Carlos Mariano, cun repertorio pensado para todos os gustos.