Carlos Ares e Gandy, recoñecidos nos I Premios da Industria Musical de Galicia

Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, veñen de anunciar os primeiros grandes recoñecementos desta edición inaugural: o galardón ao Artista do Ano 2025 para Carlos Ares e o de Persoa do Ano 2025 para Francisco Gómez, “Gandy”.
A xunta directiva de AGEM decidiu outorgar a Carlos Ares o Premio ao Artista do Ano 2025 pola súa traxectoria e pola súa contribución á difusión da cultura galega. Defíneno como “un talento innegable” que se consolidou no circuíto grazas á súa singular identidade artística e ao seu directo, co que vai gañando novos e novas seguidoras concerto a concerto.
Na categoría de Persoa do Ano 2025, AGEM escolleu a Francisco Gómez, coñecido como Gandy, polo papel chave que desempeñou e segue a desempeñar na consolidación e no sostemento da escena musical galega. Desde a súa empresa Copra Producciones contribuíu durante décadas a que “a música suceda”: facilitando escenarios para os artistas, proxectos para as cidades e experiencias memorables para o público, nun labor discreto pero fundamental para o sector.
Paralelamente, o público elexiu por votación popular ao festival pontevedrés Surfing the Lérez como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público 2025. A votación en liña, que rematou o 10 de novembro ás 23.59 horas, situou este encontro como o proxecto máis votado, seguido de iniciativas como Noites do Porto ou o Atlantic Pride da Coruña. Con este recoñecemento, AGEM quere destacar aqueles eventos que sitúan as persoas espectadoras no centro, ofrecendo vivencias inesquecibles.
En palabras de Josiño Carballo, tesoureiro de AGEM, “recoñecemos a Carlos Ares co galardón ao Artista do Ano por destacar polo seu talento, a súa traxectoria e a súa contribución á difusión do talento galego”. Pola súa banda, a presidenta de AGEM, Patricia Hermida, subliña que Gandy é “unha desas figuras fundamentais que, sen estar sempre diante dos focos, sostivo e sostén a estrutura do que somos como sector”, cun traballo baseado na profesionalidade, o respecto, a paixón e a creación de comunidade.
Ademais destes tres recoñecementos, un xurado profesional composto por especialistas en xornalismo musical, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural seleccionou 42 proxectos finalistas no resto de categorías dos I Premios da Industria Musical de Galicia, tres por cada un dos 14 rangos xerais previstos.
A gala de entrega dos premios celebrarase a noite do xoves 27 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Será un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e gañadoras nas diferentes categorías e se entregarán os galardóns nun formato pensado para favorecer a cooperación e o diálogo entre os diferentes axentes da industria musical galega.
Sobre os I Premios da Industria Musical de Galicia
Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man de AGEM co obxectivo de visibilizar e poñer en valor traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. Inscríbense no Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, impulsado pola Xunta e pola propia asociación, como ferramenta para fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico.
En total, os premios recoñecerán 17 categorías: 14 decididas por un xurado profesional —como deseño de iluminación, implementación de son, produción discográfica, proxecto de comunicación, posta en escena, evento cultural/musical, espazo musical ou proxecto de sustentabilidade—, dúas designadas pola xunta directiva de AGEM (Artista do Ano e Persoa do Ano) e un galardón escollido por votación popular, o da excelencia na experiencia do público.
Sobre AGEM
A Asociación Galega de Empresas Musicais xurdiu en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axencias de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras.
As firmas asociadas conforman boa parte da cadea de valor da actividade musical e cultural en Galicia, deseñando, producindo e xestionando eventos en salas, auditorios e espazos ao aire libre dentro e fóra da comunidade. Moitos dos festivais, concertos e gravacións impulsados por socias de AGEM teñen impacto en mercados internacionais, con sincronizacións en cinema, documentais, publicidade e outras producións audiovisuais. O impacto económico global da actividade na que participa AGEM supera os 100 millóns de euros, consolidando o sector musical como peza clave da industria cultural galega.