Carlos García-Resúa toma posesión como decano da Facultade de Óptica e Optometría da USC

“Vivimos nunha sociedade marcada polo envellecemento da poboación, o aumento da esperanza de vida e os cambios nos hábitos visuais derivados do uso crecente das tecnoloxías dixitais, e estes desafíos fan que a saúde visual adquira unha relevancia cada vez maior e que o papel do óptico-optometrista sexa cada vez máis necesario na prevención, na detección precoz, no seguimento dos problemas visuais e na atención primaria da saúde visual”. Así reivindicaba este mércores a profesión e os estudos superiores nesta materia o decano da Facultade de Óptica e Optometría, Carlos García Resúa, na súa toma de posesión.
No acto, o novo decano propúxose “seguir contribuíndo ao fortalecemento da profesión e avanzar cara a unha maior integración do óptico-optometrista no sistema público de saúde, especialmente no ámbito da atención primaria, onde a súa capacitación pode achegar un importante valor á atención sanitaria”. “Esa é -reivindicou- a razón de ser da nosa Facultade: formar profesionais excelentes, capaces de responder ás necesidades da sociedade e de contribuír a mellorar a saúde visual da cidadanía”.
García-Resúa, que estará acompañado no equipo por Hugo Pena Verdeal e María Covadonga Vázquez Sánchez, puxo tamén énfase na formación clínica, “un dos eixos fundamentais deste decanato”, co seu “principal activo” como é o Servizo de Optometría, que forma o estudantado na práctica clínica directa e na atención a pacientes reais, máis de 1.000 por curso académico.
O decano tivo tamén palabras de agradecemento para a profesora que o precede no cargo, María Jesús Giráldez, da que, dixo, “fun testemuña directa do seu rigor, da súa capacidade de traballo e do seu compromiso constante coa defensa desta Facultade e da nosa profesión”. “Con ela reforzouse de maneira significativa o Servizo de Optometría, afrontáronse con enorme responsabilidade as dificultades derivadas da pandemia para preservar, na medida do posible, a docencia presencial e continuouse defendendo o recoñecemento profesional do óptico-optometrista en todos os ámbitos nos que aínda queda camiño por percorrer”, afirmou.
A profesora Giráldez tomou a palabra no acto para reivindicar o xa expresado polo novo decano e sumar como reto de futuro a acreditación ao Diploma Europeo de Optometría. “Somos a única universidade española cuxo plan de estudos se adapta de maneira tan significativa aos estándares establecidos polo Diploma Europeo, o que nos sitúa nunha posición privilexiada”, afirmou.
E neste senso engadiu: “se hoxe contamos cun dos plans de estudos mellor posicionados de España, recoñecido pola súa proximidade aos estándares europeos e situado entre os de maior calidade do país, é grazas ao traballo de quen me precedeu e, de maneira especial, da profesora Eva Yebra Pimentel. A súa tenacidade, a súa persistencia e a súa capacidade de resistencia foron determinantes para definir con claridade o camiño que debiamos seguir”, dixo.
Pola súa banda, a reitora Rosa Crujeiras, puxo en valor “a responsabilidade que temos como universidade pública de seguir creando as condicións para que o talento continúe medrando, favorecendo contornas que impulsen a colaboración entre disciplinas, a investigación de excelencia e a transferencia do coñecemento á sociedade”.
“Por iso, -continuou a reitora- queremos seguir avanzando nun proxecto que representa moi ben a forma en que entendemos a Universidade: o desenvolvemento dunha Clínica Universitaria”, entendida como un espazo no que conflúan a formación práctica do estudantado, a investigación clínica e o servizo á sociedade, “un proxecto que permita que o coñecemento xerado nesta e noutras Facultades chegue de maneira máis directa ás persoas e que preste unha atención especial a quen máis dificultades atopan para acceder a este tipo de servizos”, concluíu.