Carlos López, alcalde da Fonsagrada: “Os meus obxectivos políticos están cumpridos”

O rexedor leva dúas lexislaturas á fronte do municipio da Montaña Lucense, cuxas necesidades máis importantes radican nos núcleos dispersos de poboación nunha orografía complexa, pero de gran beleza natural e paisaxística
PSOE Fonsagrada Carlos Lopez
23 Sep 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Eu comecei aos 15 anos entrando nas Xuventudes Socialistas, da man de Pepe Blanco. Tamén estaba algún compañeiro da Fonsagrada. Entrei con 15 anos e, con 18, xa fun concelleiro. Mantiven esa responsabilidade ata hai dúas lexislaturas, cando pasei a ser alcalde, tras deixar o cargo Argelio Fernández.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Nós gobernamos con maioría absoluta ata 2019, cando a perdemos e tamén deixamos de ser a lista máis votada. Así que tivemos que facer un pacto co BNG para evitar que entrase o PP. O BNG puxo como condición que tiña que dimitir o anterior alcalde e, ao ir eu de segundo na lista, asumín eu a Alcaldía.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Os sacrificios son familiares, porque ocupa moitas horas. Somos alcaldes as 24 horas do día. No meu caso, teño máis de 2.000 contactos no teléfono porque todos os meus veciños teñen o meu número e saben que me poden chamar a calquera hora. E fágoo con gratitude, porque me gusta poder resolver os problemas. Iso tamén supón un pouco de perda de intimidade e de relación familiar, porque moitos dos actos son durante a fin de semana, representas o Concello e debes asistir. Ao final, a familia é a que máis o sente.

E beneficios?

Na Fonsagrada, a relación cos veciños é máis persoal, polo que aquilo que solucionas tamén supón unha satisfacción. Ver que se fixo un esforzo para conseguilo e, sobre todo, comprobar a felicidade do veciño porque xa lle resolviches un problema é moi gratificante. Nas cidades máis grandes non tes ese contacto continuo cos veciños.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Equilíbrase ás veces con sacrificio por parte da miña muller e do meu fillo. Polo menos, vivimos os dous na Fonsagrada e, ao vivir aquí, podemos estar máis xuntos, polo que o sacrificio é menor. Ao vivir tamén aquí, estou máis preto deses problemas máis próximos. Se vivises nunha cidade, non poderías achegarte en 15 ou 20 minutos xunto dun veciño que ten un problema.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Os meus obxectivos políticos están cumpridos. Agora hai eleccións dentro duns meses e, se os compañeiros o estiman conveniente, estou disposto a volver ser candidato á Alcaldía. Tampouco teño outros obxectivos a máis longo prazo. Se gañamos as próximas eleccións municipais, xa serían 12 anos, e creo que é un percorrido suficientemente longo, tendo en conta tamén todas as lexislaturas que estiven como concelleiro. Chegará un momento no que haxa que exporse as cousas e ter en conta que non todo é eterno.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

A principal actuación que hai que facer é mellorar o subministro de auga á Fonsagrada. É un proxecto que temos aí coa Confederación e co Ministerio, que supera os 3 millóns de euros, e nese proxecto estamos traballando. Conseguimos tamén o tema do cuartel da Garda Civil, que levaba máis de 20 anos pendente e no que agora xa se está traballando. Ademais, estamos co polígono industrial, por fin, porque iso ten que ser o futuro da Fonsagrada, para que a xente se poida establecer. Pero o tema da auga é importante porque ten un custo moi elevado.

Cales son as principais liñas do seu programa?

As liñas do programa serán continuistas, pero si que queremos incorporar cousas novas, como dotar a sociedade da Fonsagrada dunha piscina climatizada. É un servizo necesario, porque agora mesmo alugamos unha piscina privada e non temos unha municipal. Este ano foi excepcional, con moito calor, pero para utilizala dous meses ou menos, o meu obxectivo é que sexa unha piscina climatizada para poder usala durante todo o ano, tanto maiores como pequenos. Outro tema que me preocupa é o asentamento da poboación. Necesitamos vivenda, porque vén xente de fóra traballar e non ten onde alugar. Habería adquirir solo e ver se a Xunta pode facer unha promoción de vivendas sociais, xa que é unha prioridade.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

As necesidades máis importantes do municipio son mellorar os accesos aos núcleos e o tema das traídas de auga. As traídas están feitas desde hai 40 ou 50 anos. Nos núcleos escasea a auga e a xente vai sendo máis maior, polo que hai moita xente que xa non se lembra de onde está o manancial ou por onde vén a tubaxe. Así que é necesaria a renovación das instalacións de auga, sendo unha prioridade na próxima lexislatura.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Acabar co tema do cuartel é unha das cousas que considero que mellor fixemos, porque os trámites burocráticos e a propia Administración fan que este tipo de proxectos sexan moi complicados e difíciles de sacar adiante. Tamén destacaría o polígono industrial, no que estivemos traballando durante tres ou catro anos, así como a rehabilitación do antigo Concello para convertelo nunha sala de exposicións e nunha oficina de turismo.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Pois creo que me ven como unha persoa normal, sinxela, que trata de solucionar os problemas e que é accesible. Gustaríame que me visen así porque son así. Ao final, onde menos tempo paso é no despacho. Estou continuamente na rúa e a min pregúntanme e consúltanme cousas, tanto cando estou no Concello como na rúa ou tomando algo. Non fago distincións. Gustaríame que me visen como unha persoa coa que é fácil falar.

Como é a súa relación coa oposición?

Moi boa. Cordial. É dicir, somos xente que nos coñecemos de toda a vida e temos moi boa relación. En todos os actos sociais que hai, os concelleiros da oposición están sempre convidados. Tratámonos con respecto. Eles son a oposición e teñen que facer o seu papel, e eu, como alcalde, debo gobernar para todos. A maioría dos puntos da orde do día que van aos plenos son aprobados, practicamente todos por unanimidade. Entón, non hai grandes diferenzas. Ao final, trátase de solucionar problemas que para o veciño poden ser grandes ou pequenos, pero que son cuestións que xorden no día a día. Nos grandes obxectivos coincidimos no mesmo: vivenda, creación de emprego e mellora dos servizos.

 

MÁIS DE PRETO

-Idade, estado civil e familiar

59 anos, casado e un fillo

-Profesión e formación

Nivel básico e profesión socio dun serradoiro de castaño

-E se non o fose, que lle gustaría ser?

Volver a miña empresa

-Que quería ser de maior

Gustábame a gandería

-Que fai para desconectar?

Bicicleta

-Unha virtude e un defecto

Son xeneroso, pero teimudo

-Un consello para compartir

Que sexan boas persoas

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

‘Memorias dun neno labrego’, películas da Segunda Guerra Mundial, e De Ninghures

-Unha afección

A gastronomía

-Un lugar que visitar

Logroño, relacionado co tema do viño

-Unha comida e unha bebida

O botelo e o viño

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

Á miña muller por estar todos os días aí, e ao meu fillo pola súa vontade de emanciparse e poñerse como autónomo

-Unha posesión preciada

A miña participación na miña sociedade

-Un desexo

Ser feliz

-Algo para esquecer

O previo á elección á Alcaldía de 2019

-Que é o que máis valora nunha persoa?

A lealdade

-Un desafío pendente.

Conseguir o financiamento para a piscina municipal

-Onde se ve en cinco anos?

Se me dá para xubilarme, xubilado

0.32793712615967