Carlos Toural asume a dirección do decanato de Ciencias da Comunicación

O profesor Carlos Toural Bran asumiu este martes 22 a dirección do decanato da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC coa mente posta na continuidade, renovación e adaptación aos cambios que está experimentando o ecosistema mediático. Para o novo decano do centro “recibimos un legado e a nosa responsabilidade é transformalo e facelo avanzar”, dixo en referencia ao traballo dos equipos decanais anteriores e, de maneira particular, ao da decana saínte, a profesora Ana Isabel Rodríguez. Nun acto institucional presidido pola reitora Rosa M. Crujeiras, o profesor Toural puxo o foco nas persoas xa que o equipo que el lidera apostará por reforzar a participación, o diálogo, a transparencia e a confianza dentro da comunidade universitaria. “Unha Facultade é, sobre todo, a comunidade que a fai posible”, afirmou. Esta nova etapa, continuou, baséase en tres verbos: “coidar, transformar e construír”. Coidar, as persoas, o legado e aquilo que funciona; transformar, aquilo que xa non responde ás necesidades do presente; e construír, novas formas de aprender, colaborar e relacionarse coa sociedade.
Pola súa parte, a reitora debullou os valores de Ciencias da Comunicación no relativo ao pulo investigador, á solidez do seu programa de prácticas, á intensidade da súa vida académica e á planificación que fixo posible o relevo xeracional no centro. Rosa M. Crujeiras definiu a Facultade como “un centro sólido, esixente e con moita vida”. A reitora salientou a dimensión práctica dos estudos impartidos xa que aquí, explicou, “o coñecemento non se transmite unicamente desde unha tarima: ensáiase, grávase, edítase, publícase e emítese. Aquí apréndese facendo”.
O novo decano, que tomou posesión do cargo nun estudio de cine , defendeu unha revisión permanente da oferta académica para responder á evolución das profesións da Comunicación. A Facultade, explicou, debe formar profesionais non só para o mercado actual, senón tamén para un escenario profesional marcado pola transformación dixital, a automatización e a intelixencia artificial. Neste senso, a xuízo do profesor Toural, a IA debe abordarse non só como unha ferramenta, senón desde a comprensión crítica dos seus usos, límites, implicacións e responsabilidades.
O xornalismo atópase ante unha transformación profunda do ecosistema informativo, destacou o decano. A información, dixo, xa non compite unicamente con outros medios, senón tamén con plataformas, redes sociais, creadores de contido, podcasts, vídeos e sistemas de intelixencia artificial. A información está competindo co contido ante as audiencias. Neste contexto, a Facultade reivindica a necesidade de formar xornalistas capaces de verificar, contrastar, contextualizar, investigar e explicar, nun escenario marcado pola economía da atención, a perda de credibilidade e a polarización. “O recurso escaso xa non é a información. É a atención”, salientou o profesor Toural.
As mudanzas tamén afectan a Comunicación Audiovisual: novas formas de produción, distribución e consumo e aparición de novos perfís profesionais. Fronte a esta transformación, segundo o decano, a formación debe combinar competencia tecnolóxica, narrativa, criterio profesional, responsabilidade e coñecemento dos dereitos asociados á creación audiovisual.
A renovación das infraestruturas xa que a Facultade debe avanzar cara a unha política de actualización tecnolóxica permanente, así como a apertura cara á sociedade e ao sector profesional, foron tamén eixos sobre os que o novo decano asentou a súa intervención. Todo isto, con Galicia como punto de partida e o mundo como horizonte. O decano defendeu unha Facultade profundamente arraigada en Galicia, comprometida coa súa realidade, lingua e cultura. Ao mesmo tempo, apostou por unha Facultade aberta á dimensión internacional do ecosistema comunicativo. A vontade do profesor Toural nesta nova etapa aséntase en “formar desde Galicia para un ecosistema global”. O profesor concluíu cunha visión de futuro: “non nos corresponde simplemente conservar a historia da FaCom. Correspóndenos facela avanzar”.
Decana saínte
A profesora Ana Isabel Rodríguez expresou no seu discurso de despedida a gratitude e a débeda para sempre con todas as persoas que a acompañaron durante os últimos catro anos e fixeron posible “conservar o legado que recollín e avanzar nos desafíos que se nos presentaron”. Para a decana saínte “toda esta complicidade da nosa Comunidade fixo posible que poidamos dicir cun orgullo compartido que avanzamos e que cumprimos co que foi o noso obxectivo común deste período: obter a reacreditación institucional do noso centro, o que vimos de lograr para os vindeiros seis anos”.
Carlos Toural Bran é licenciado en Xornalismo e doutor en Comunicación e Xornalismo pola USC. Desenvolve a súa actividade docente e investigadora no eido do xornalismo dixital dende hai case dúas décadas, ámbito no que conta con arredor dun cento de publicacións científicas. Toural, que forma parte do Grupo de Investigación Novos Medios dende o ano 2006, ten participado en numerosos proxectos de investigación no ámbito autonómico, estatal e europeo. No ámbito da xestión, o profesor Toural foi vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación durante seis anos en dúas etapas anteriores, e dende 2018 formou parte do equipo de goberno do reitor Antonio López, primeiro como asesor e nos últimos seis anos como director do seu gabinete.
Acompañarán a Carlos Toural Bran á fronte do decanato de Ciencias da Comunicación os vicedecanos Sara Pérez Seijo e Ángel Antonio Vizoso García, e Roi Méndez Fernández como secretario da Facultade.