Carme da Silva chama en Pontevedra a votar masivamente e unir todo o voto de país no BNG

Carme da Silva chamou hoxe en Ponteareas a concentrar no BNG todo o voto da xente que quere a Galiza, que non se resigna e que aspira a conseguir un resultado que lle dea ao país máis forza política en Madrid. Nun reparto electoral a poucos días do 29N, a candidata asegurou que está a percibir unha onda de ilusión arredor do Bloque e animou a multiplicar esa mobilización para que cada escano nacionalista sirva para defender os intereses galegos, avanzar en dereitos e acabar coa discriminación que sofre Galiza, poñéndoa no centro. “Se conseguimos unir todo ese voto rebelde, o voto de quen non se conforma, o 29N o noso país vai ter un magnífico resultado”, afirmou.
A candidata apelou á implicación directa da xente nesta recta final da campaña, pedindo que cada simpatizante se converta no “algoritmo do BNG”, falando con familiares, amizades, veciñanza e compañeiras de traballo para trasladar a importancia de votar o Bloque. “Non hai mellor campaña que falar con todo o mundo, explicar por que é necesario que Galiza conte con máis forza e convencer a quen aínda está a dubidar. Precisamos que ninguén quede na casa e que se vote con orgullo de país”, indicou.
Da Silva subliñou que cada escano do BNG é unha oportunidade para que Galiza se faga valer nas Cortes fronte ao bipartidismo que leva décadas alternándose na discriminación ao país. “Non queremos nin retroceder nin conformarnos con máis do mesmo. Queremos avanzar, queremos unha vida digna e queremos ter capacidade para decidir. O voto galego ten que servir para defender Galiza, non para obedecer os intereses de Madrid”, reivindicou.
A candidata destacou que un maior peso político do Bloque servirá para atallar as dificultades que atravesa a maioría social galega: salarios que non chegan a fin de mes, prezos da vivenda imposibles, pensións insuficientes e unha desigualdade cada vez maior, especialmente para as galegas e os galegos fronte ao resto do estado. “O BNG fai unha política que está ao lado da xente, que defende a sanidade pública, o ensino, as pensións, a dependencia e o dereito a ter unha vivenda digna. Non podemos aceptar que se nos diga que non hai recursos para atender esas necesidades mentres hai milleiros de millóns para gasto militar. É cuestión de prioridades”, apuntou, defendendo que os investimentos públicos deben responder ás necesidades reais da cidadanía e non alimentar o monstro da guerra.
A cabeza de lista, acompañada da deputada Cristina Fernández e doutras persoas integrantes da formación, reivindicou a traxectoria do BNG como unha forza que cumpre, que negocia e que consegue resultados concretos para o país, lembrando avances como as bonificacións das peaxes da AP-9 e a aprobación da transferencia, que agora intenta vetar o PP. “Demostramos que cando hai unha forza galega que non se subordina e que defende os intereses do país até o final, as cousas conséguense. A xente sabe que pode confiar no BNG”, afirmou.
Carme da Silva advertiu tamén que o BNG será unha garantía para impedir retrocesos nos dereitos sociais, laborais e das mulleres. “Non imos permitir que se dea un paso atrás. Pero tampouco queremos quedar como estamos: queremos avanzar, conquistar máis dereitos e mellorar a vida da xente. Para iso é imprescindible que Galiza teña unha voz forte e libre en Madrid”, sinalou. De maneira específica, a cabeza de lista fixo tamén un chamamento á mobilización nas rúas este 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, para que as mulleres galegas fagan escoitar a súa voz e deixen claro que non están dispostas a permitir ningún retroceso nos dereitos conquistados.
Subliñou que estas eleccións chegan nun momento no que medran os discursos reaccionarios e as ameazas de involución, polo que considerou fundamental que as mulleres se mobilicen antes da cita coas urnas do 29N para demostrar que non van dar nin un paso atrás. “Non podemos permitir que nos fagan retroceder. Temos que seguir empuxando e avanzando, porque non avanzar tamén significa retroceder”, afirmou con contundencia, apelando á responsabilidade de cada xeración de conquistar novos dereitos e garantir que as que veñan detrás poidan seguir avanzando. “Non podemos actuar co medo de quen nos quere facer retroceder. Ás mulleres galegas non nos para ninguén”, concluíu.
Da Silva concluíu reiterando o chamamento a mobilizar o 29N toda a enerxía das mulleres e do voto galego nesta última semana de campaña: “Estamos vendo ilusión e moita xente que quere que Galiza conte. Agora toca dar o último impulso, falar con todo o mundo e unir ese voto rebelde que non se conforma. Cada escano do BNG é máis Galiza en Madrid, máis dereitos e máis capacidade para defender o noso país”, finalizou.