Carme da Silva denuncia o intento do PP de "retrasar a implantación de novos servizos ferroviarios"

A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia que o Partido Popular tenta frear a posta en marcha dos novos servizos ferroviarios de proximidade na Galicia incluídos no Acordo de Investidura asinado polo BNG
Carmen da Silva
7 Nov 2025

A senadora do BNG, Carme da Silva, denunciou o intento do Partido Popular de retrasar a implantación dos novos servizos ferroviarios de proximidade en Galicia, tras a aprobación dunha emenda popular no Senado ao Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel.

Segundo explicou, esta modificación pretende “impedir que se recoñeza expresamente a necesidade de eliminar a discriminación que sofre Galicia en materia ferroviaria” e dilatar os compromisos adquiridos polo Goberno a instancias do BNG.

“O Partido Popular trata de impedir que os servizos ferroviarios en Galicia melloren, co traballo e a presión que fai o BNG, baixo a pretensión de estendelo a todas as comunidades autónomas”, advertiu Da Silva.

A nacionalista lembrou que grazas ao traballo e á negociación do BNG, conseguiuse introducir no Congreso unha disposición adicional que obrigaba a elaborar, nun prazo máximo de seis meses, un estudo específico dos servizos ferroviarios de proximidade en Galicia. Este estudo, recolleu, “xa se estaba a realizar” en cumprimento do Acordo de Investidura asinado polo BNG, co obxectivo de poñer fin ao déficit histórico de infraestruturas ferroviarias no país.

Da Silva acusou o PP de intentar borrar ese compromiso, substituíndo a mención explícita a Galicia por unha referencia xeral ao conxunto do Estado. “O PP non quere que o transporte de cercanías ferroviarias en Galicia apareza singularizado na lexislación”, reprochou.

A senadora asegurou que, “por moito que o intenten”, o BNG seguirá a traballar para axilizar a implantación destes servizos, que considera fundamentais para a mobilidade diaria e a vertebración territorial do país.

“Tal e como recolle o Acordo de Investidura asinado polo BNG, imos seguir defendendo os intereses de Galicia e o dereito a un transporte ferroviario digno e eficiente”, concluíu.

Ante esta situación, avanzou que o BNG votará no Congreso para que o texto volva recoller o conseguido pola organización nacionalista e se manteña o compromiso de avanzar cara á creación dos servizos de proximidade ferroviaria galegos.

⚙ Configurar cookies
0.23837208747864