Carme da Silva di que, co BNG, Galiza gaña “bonificacións históricas na AP-53” a partir de abril

A senadora nacionalista salienta a entrada en vigor das rebaixas como unha vitoria do Acordo de Investidura e da presión social
Carme da Silva
26 Mar 2025

A senadora do BNG, Carme da Silva, celebrou este martes no Senado que, a partir do mes de abril, a autoestrada AP-53 contará por primeira vez con bonificacións de ata o 75%. Unha medida que considera “un fito histórico”, froito do Acordo de Investidura asinado polo BNG co Goberno estatal e da presión da cidadanía galega.

Durante a sesión de control, o ministro de Transportes, Óscar Puente, confirmou que as rebaixas entrarán en vigor nas vindeiras semanas. “Estamos a falar dunha das vías máis caras de Galiza e do Estado. Estas bonificacións suporán un aforro de máis de 2.500 euros ao ano para moitas persoas usuarias habituais”, explicou da Silva.

A nacionalista lembrou que o BNG leva anos reclamando a fin das peaxes abusivas na AP-53, unha infraestrutura que conecta Santiago con Dozón e que se converteu nunha barreira para a mobilidade no interior de Galiza. “Fronte á inacción do PP, o BNG consegue feitos”, salientou.

Da Silva tamén reivindicou a importancia de ter unha maior representación nas Cortes para seguir avanzando: “Canto máis forza teña o BNG en Madrid, máis capacidade teremos para defender os intereses de Galiza”.

⚙ Configurar cookies
0.12666296958923