Carme da Silva insta a Aagesen a non ser cómplice dun modelo enerxético “depredador” para Galiza

A senadora do BNG, Carme da Silva, empregou a sesión de control ao executivo na Cámara Alta para advertir á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica de que a actual planificación do sistema eléctrico “responde aos intereses das grandes empresas enerxéticas e non ao interese xeral”. Segundo afirmou, este modelo converte Galiza “nun territorio produtor de enerxía para outras zonas do Estado” sen beneficios para o país e cunha elevada afectación ambiental, social e patrimonial.
Da Silva reclamou ao Ministerio unha planificación eléctrica que respecte o territorio, teña en conta os efectos acumulativos e priorice o interese da cidadanía e o equilibrio territorial. Subliñou que o debate non está na necesidade das renovábeis, senón en “onde, como e para que” se instalan, alertando da coincidencia estratéxica entre Xunta, Estado e oligopolio eléctrico.
A senadora lembrou que Galiza conta cunha potencia instalada de 9.591 MW, fronte aos 549 MW de Madrid, e advertiu de que serán as galegas e galegos quen asumirán, a través da factura eléctrica, os custes das novas liñas necesarias para transportar a enerxía cara ás zonas que consumen mais non producen.
O boom eólico e o caso do megaparque Greco
Da Silva citou como exemplo o megaparque eólico Greco, de 109,2 MW, promovido polo grupo Villar Mir e que afecta seis concellos: Cerdedo-Cotobade, A Lama, Fornelos de Montes, Covelo, Avión e Beariz. Indicou que, nun radio de 25 quilómetros, existen xa 17 parques operativos con 421 aeroxeradores, unha cifra que supera “a capacidade real de acollida do territorio”.
Pediulle á ministra “non ser cómplice dun destrozo patrimonial, ambiental e social”, e criticou que a Xunta “modifica calquera normativa para satisfacer as exixencias das empresas”.
Almacenamento hidráulico e o proxecto de Montemaior
A senadora puxo tamén o foco na aposta estatal polo almacenamento hidráulico, concentrando en Galiza a metade da capacidade prevista no Estado: 5 GW. Citou como caso singular a subvención de 40 millóns de euros aprobada polo IDAE para o proxecto da central hidráulica reversíbel de Montemaior, “concedida sen que se coñezan publicamente a empresa promotora, a localización, nin exista trámite ambiental ou garantía de viabilidade técnica”.
Da Silva reclamou ao Goberno do Estado transparencia inmediata sobre este proxecto e criticou que se utilicen fondos públicos para actuacións “opacas e ao servizo de intereses privados”.