Carmela González acusa o conselleiro de Educación de minimizar o problema da escola Vila Laura de Vigo

O BNG urxe evitar as consecuencias da falta de profesorado que levaron a un nenos de catro anos a esperar 15 minutos á porta do centro
carmela-gonzalez-colexio-vila-laura-de-vigo
22 Oct 2026

A deputada do BNG por Vigo, Carmela González, esixiulle ao conselleiro de Educación a dotación da praza de profesorado que lle falta para completar a rateo na Escola de Educación Infantil Vila Laura, en Vigo, que conta con 12 docentes cando por catálogo lle corresponden 13.

Á resposta do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que se limitou a minimizar o problema presumindo de que o maior dos problemas sexa a reorganización, a deputada nacionalista replicoulle que “igual non lle parece un problema demasiado importante”, pero ás familias “parécelles importantísimo porque os seus fillos non teñen a educación á que teñen dereito”, engadiu.

Recriminoulle ademais que lle bote a culpa aos docentes por non organizarse ben, e recordoulle que, “10+3 son 13 e 13 non é igual a 12”. “Por moito que retorzan vostedes as cifras, falta un docente no Vila Laura, e o PT e o AL non están para cubrir a ausencia de docentes, está para atender o alumnado con necesidades de apoio educativo”, incidiu.

Durante a súa pregunta, que foi seguida desde o hemiciclo por representantes da ANPA do centro, a deputada nacionalista lembrou o suceso do pasado 29 de setembro, cando un neno de 4 anos tivo que agardar 15 minutos, xunto coa súa nai, á porta da escola tras volver do médico. Só puido entrar cando o conserxe, que pasaba por alí por casualidade, lles abriu a porta. Xa dentro, tiveron que esperar de novo ata que unha profesora, tamén de paso, puido acompañalo á aula. Segundo lle transmitiu a propia ANPA, que leva xa 42 venres reclamando o docente, “non faltou vontade, faltaron mans”.

Segundo indicou a parlamentaria do BNG, o neno agardou porque na escola non hai ninguén que atenda o teléfono ou abra a porta, xa que a falta de profesorado fai imposible manter unha persoa de garda que evitaría estas situacións.

A deputada denunciou tamén que o pasado 15 de outubro o alumnado das catro aulas de 4 anos pasou boa parte da xornada lectiva no patio por mor da baixa imprevista dunha docente. Indicou que, aínda que as crianzas estiveron atendidas e supervisadas, “non recibiron a atención educativa que lles corresponde e a que teñen dereito todos os días do curso”.

Carmela González cualificou de “incomprensible” que cargos da Consellería de Educación e a delegada territorial da Xunta en Vigo tratasen de xustificar a situación coas prazas de PT e AL. Lembrou que a función destes profesionais é apoiar o alumnado con necesidades específicas, non suplir a falta dun docente. “Que se supón que teñen que facer cando unha profesora enferme? Deixar desatendido o seu alumnado?”, preguntou.

Para a deputada, a solución da Consellería consiste en “desvestir un santo para vestir outro”, algo que non garante ao alumnado do centro o dereito a un ensino de calidade todos os días lectivos. Ademais, subliñou que o profesorado soporta unha sobrecarga de traballo ao tratar de atender todas as crianzas con unha persoa menos.

0.30250096321106