Carmela Silva critica ao PP por rexeitar o impulso ás linguas cooficiais no Senado

A Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado debateu unha moción do PSOE para impulsar o uso das linguas cooficiais na cámara territorial. A proposta obtivo 20 votos a favor, fronte a 34 en contra e dúas abstencións, co rexeitamento do PP.
A viceportavoz socialista na Comisión, Carmela Silva, afirmou que o resultado evidencia “a incapacidade do PP para entender este país, que é plural e grande pola súa diversidade”. Subliñou que as linguas cooficiais “perténcennos a todas e a todos” e que o Senado é “o lugar idóneo para darlles espazo, protexelas e usalas con normalidade”.
Silva, senadora por Pontevedra, criticou que o PP “só é capaz de crear polarización” e asegurou que a formación popular “é incapaz de consensuar, acordar e entender o país no seu conxunto”.
Durante a súa intervención, defendeu que “non hai nada máis patriótico que protexer os dereitos lingüísticos da cidadanía”, xa que as linguas son “memoria, identidade e cultura viva”. Lembrou que PP e Vox bloquearon o avance do uso das linguas na Cámara Alta, nunha postura que, ao seu xuízo, “non representa á España real nin ao espírito de convivencia” que a moción recollía.
Pola súa banda, o senador autonómico catalán Antoni Poveda salientou que “cada lingua é unha riqueza” e lamentou que PP e Vox impidan o uso normalizado do catalán, do galego e do éuscaro nas comisións e nos plenos do Senado. Poveda acusou ao PP de “recortar liberdade alí onde gobernan” e de pretender “impoñer unha España gris e homoxénea que non existe”. Os socialistas, afirmou, “seguiremos traballando para que as linguas cooficiais teñan o trato e o recoñecemento que merecen”.