Carmen Hermo foi nomeada nova decana de Belas Artes en Pontevedra

A votación converteu a artista e docente, profesora da facultade desde o curso 2017-2018, na segunda decana na historia de Belas Artes, tomando o relevo de Xosé Manuel Buxán
carmen-hermo-decana-facultade-de-belas-artes
28 Jul 2026

A profesora do Departamento de Debuxo Carmen Hermo converteuse este luns na nova decana de Belas Artes, despois de que a súa candidatura, a única presentada no proceso electoral aberto no centro, recibise o apoio da Xunta de Facultade, con 26 votos a favor, un en contra e cinco abstencións. Hermo Lage situarase os próximos seis anos á fronte dun “equipo novo e, sobre todo, ilusionante”, que completan as e os docentes Carmen Lage, como videcana académica; Basilisa Fiestras, como vicedecana de Cultura e Estudantado; José Andres Santiago, como vicedecano de Internacional; e Marcos Covelo, como secretario académico.

Despois dunha Xunta de Facultade que combinou o seguimento presencial e virtual, Hermo sinalaba afrontar “con ilusión” a súa nova etapa á fronte da facultade, ao tempo que puña en valor o apoio recibido pola súa candidatura, xa que “o que necesitamos agora é traballo”, tanto no propio equipo decanal como á hora de integrar as diferentes comisións. A votación na que participaron 32 dos 38 membros da Xunta de Facultade converteu a artista e docente, profesora da facultade desde o curso 2017-2018, na segunda decana na historia de Belas Artes, tomando o relevo de Xosé Manuel Buxán, que se atopaba á fronte do Decanato desde 2019.

Na súa comparecencia, Hermo presentou un texto elaborado conxuntamente polo novo equipo decanal, que situaba os termos de "convivencia, cooperación, bidireccionalidade, asesoramento e modelo" como eixes do proxecto que prevén desenvolver ao longo dos próximos seis anos. “Non propoñemos grandes revolucións, pero si que son necesarios algúns cambios, cambios e propostas que atenderemos con interese e cariño”, salientou a nova decana, quen formou parte o último ano do equipo de Buxán como secretaria académica.

Convivencia e bidireccionalidade

Na súa intervención, Hermo sinalou a convivencia como o piar central do proxecto co que optaba a situarse á fronte do Decanato. Isto levouna a sinalar en primeiro termo as limitacións da sede da facultade, o antigo cuartel de San Fernando, que implican convivir “nun espazo cada vez máis pequeno e obsoleto”. A facultade, resaltou, “necesita medidas urxentes de posta a punto respecto á normativa vixente de edificacións públicas”, ao tempo que sostivo que se trata dun “espazo incómodo onde non se pode traballar ou formarse con dignidade”. Isto levouna a subliñar a necesidade dun “espazo novo”, dunha facultade creada ad hoc para Belas Artes. Mais, mentres isto non sexa realidade, será preciso que o actual edificio “se adecúe e actualice ás necesidades docentes e de convivencia básica”, apostando por dotalo de “espazos de traballo seguros, talleres accesíbeis e profesionalizantes, salas dotadas de tecnoloxía axeitada e espazos de convivencia e encontro”.

Ao mesmo tempo, esta idea de convivencia levouna a pór o foco na necesidade de “buscar puntos en común” entre os diferentes colectivos que integran o centro, no que conviven persoas de “moi diferentes xeracións”. Neste punto, Hermo subliñou que “a información é fundamental” á hora de atopar eses puntos de encontro, ao tempo que avogou por “fomentar a participación dos diferentes colectivos nos cursos de formación sobre igualdade e convivencia”.

Do mesmo xeito, salientou a importancia de apoiar as iniciativas, asociacións e proxectos do alumnado, co propósito de “garantir que os integrantes da comunidade universitaria non sexan meros espectadores, senón axentes activos da vida cultural da facultade”.

Hermo salientou tamén a necesidade de “transmitir orgullo pola nosa profesión” ao conxunto da comunidade do centro, pondo de relevo que na facultade atópase “o presente e o futuro da cultura de Galicia”. Isto levouna a subliñar que a opinión e a presenza da facultade “debe volver ser fundamental no desenvolvemento cultural, non só local, senón tamén no ámbito internacional”.

Coordinación e asesoramento

No referido á área académica, o novo equipo decanal apostará polo establecemento de “procesos de coordinación vertical-horizontal efectivos para optimizar a docencia”, que permitan “coñecer as necesidades dos distintos sectores da facultade” e xerar unha "comunicación interna fluída a través de ferramentas accesibles”.

A idea de “escoitar á comunidade universitaria” e promover un “diálogo constante” foi tamén sinalada pola nova decana como un dos aspectos centrais á hora de “reforzar a estratexia de internacionalización” da facultade. O seu obxectivo é que esta dea resposta a “todos os niveis formativos”, desde os estudos de grao e mestrado, ata as estadías para estudantes de doutoramento e investigadoras posdoutorais, xunto coa “promoción de programas internacionais para o profesorado”.

0.26879906654358