Carmen Mateo toma posesión como reitora da Universidade de Vigo

Autoridades e comunidade universitaria encheron o salón de actos da Facultad de Ciencias Económicas y Empresariales
carmen-mateo-reitora-uvigo
25 Jun 2026

“Profundamente honrada de ser a primeira reitora desta universidade”, cun “compromiso claro co sistema universitario galego e co país ao que servimos” e “coa determinación de facer da Universidade de Vigo unha institución excelente, moderna, igualitaria e de alta calidade da que todas e todos nos sintamos orgullosos”. Así asume, nas súas propias verbas, Carmen García Mateo o cargo de reitora da UVigo, do que estes xoves tomou posesión, nun acto no que tamén reivindicou á Xunta de Galicia financiamento e confianza e no que comprometeu “un liderado firme pero dialogante, baseado no respecto e na participación”.

Nun salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo cheo, que acolleu este mediodía representantes dos ámbitos político, económico, académico e social, así como unha ampla representación da comunidade universitaria, García Mateo e as súas vicerreitoras e vicerreitores tomaron posesión dos seus cargos converténdose no décimo equipo reitoral á fronte da institución académica viguesa. Pola súa banda, Manuel Reigosa expresou o seu orgullo “pola universidade que recibín e pola que deixei”, destacando entre a súas achegas o traballo desenvolvido na remuda xeracional e a mellora da cultura da negociación e do acordo. Mentres, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, brindou a súa colaboración á UVigo e dixo, “recollo a luva da petición de confianza para seguir chegando a acordos frutíferos para a Universidade de Vigo e para Galicia”.

A cantante Su Garrido, interpretando dúas das súas composicións, e o Coro da Universidade de Vigo, coa do Gaudeamus, foron os encargados de poñer a música nun acto que reuniu os antecesores de Carmen García Mateo á fronte da UVigo: Luis Espada, Domingo Docampo, Alberto Gago, Salustiano Mato e Manuel Reigosa; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; os alcaldes de Vigo e Pontevedra, Abel Caballero e Miguel Anxo Fernández Lores; a reitora da USC e o reitor da UDC, Rosa Crujeiras e Ricardo Cao; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, entre outras autoridades políticas, académicas, civís e militares.

A nova reitora, tras recibir o bastón de mando

No seu primeiro discurso como reitora, logo de darse lectura ao decreto de nomeamento e de serlle entregados, por parte de Manuel Reigosa, a medalla e o bastón de mando, Carmen García Mateo comezou por establecer un paralelismo entre a súa traxectoria persoal, “de innovación, compromiso e lingua”, dixo, a académica, e a investigadora, coa evolución experimentada polo país nas catro últimas décadas, ata chegar ao día de hoxe con “unha enxeñeira de telecomunicación, especializada en procesamento de voz e intelixencia artificial, dirixindo unha universidade pública galega”.

Tras agradecer o apoio da súa familia, de Nós Universidade, da comunidade universitaria que a respaldou nas urnas e dos reitores que a antecederon no cargo, García Mateo sinalou “o financiamento, as novas demandas sociais, a gobernanza e a adaptación ás tecnoloxías emerxentes”, como os retos que cómpre poñer na mesa de traballo, e aos que engadiu a necesidade de “non só adaptarnos ao cambio, senón de anticipalo e lideralo”.

Coa ilusión de avanzar como motor, a nova reitora destacou o vínculo da universidade co progreso, “que no século XXI é moito máis que docencia e investigación: é tamén compromiso social, creación de riqueza, acompañamento profesional, formación ao longo da vida e defensa dos valores democráticos”, enumerou. Destacando a realidade territorial con tres campus; a diversidade; e a capacidade de responder desde ela ás necesidades da sociedade galega, como fortalezas da institución, a nova reitora, sinalou algúns dos que considera compromisos da universidade no século XXI, “coa equidade, a igualdade de oportunidades e a cohesión social; coas iniciativas empresariais e emprendedoras de estudantado e profesorado; e coas empresas e institucións circundantes. Así como cos valores sociais imperantes: voluntariado, igualdade de xénero ou atención á diversidade”.

Na súa intervención, García Mateo tamén reivindicou unha educación superior que sexa “o maior antídoto conta a barbarie; onde se constrúa a cultura da paz, baseada na xustiza social, os dereitos humanos e a solidariedade internacional” e asegurou que “a nosa tarefa é xogar co imposible, superar os límites do coñecemento asentado. Isto é o que nos xogamos: os avances que mañá gobernarán as nosas vidas”.

Financiamento e confianza foron as dúas peticións que a nova reitora da UVigo trasladou no seu discurso ao presidente de Xunta para captar talento, estabilizar, consolidar grupos de investigación de altas capacidades e potenciar unha ambiciosa interacción internacional. “Señor presidente, confíe en nós e faga unha aposta decidida polo sistema universitario galego. O retorno será superior ao investimento”, asegurou García Mateo.

Cun “liderado firme pero dialogante, baseado no respecto e na participación”, a nova reitora rematou solicitando que ondeen con ela as bandeiras do coñecemento e a excelencia; a da lingua e a ciencia aberta e a da modernidade e do progreso. “Síntome profundamente honrada de ser a primeira reitora desta universidade. Asumo esta responsabilidade cun compromiso claro co sistema universitario galego e co país ao que servimos e co compromiso de facer da UVigo unha institución excelente, moderna, igualitaria e de alta calidade da que todas e todos nos sintamos orgullosos”, finalizou.

Unha decena de vicerreitorías, secretaria xeral e xerenta

Logo de tomar posesión, a nova reitora procedeu ao nomeamento da secretaria xeral Enma Rodríguez, profesora titular acreditada a catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, quen deu lectura ao nomeamento das e dos vicerreitores que integran o novo equipo de goberno.

Xosé H. Vázquez, profesor da Área de Organización de Empresas e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, dirixirá a Vicerreitoría de Estratexia, Gobernanza e Economía; Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual docente na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que foi secretaria xeral da UVigo e Valedora Universitaria, ocupará a Vicerreitoría de Oferta Académica; e Manuel Martínez, catedrático do Departamento de Física Aplicada e coordinador do grupo de investigación FA2 é o vicerreitor de Investigación.

Polo que respecta á Vicerreitoría de Profesorado e Persoal Investigador, a persoa proposta foi Rebeca P. Díaz, catedrática na Área de Enxeñaría Telemática e ex directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación será a súa responsable. A Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social, será ocupada por Rafael Comesaña, profesor da Área de Mecánica dos Medios Continuos e Teoría de Estruturas con docencia nas escolas de Enxeñaría Industrial e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Completan o equipo Loli González, profesora titular na Facultade de Filoloxía e Tradución, que foi vicerreitora de Estudantes, á fronte da Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria, e Xabier Martínez Rolán, profesor da Facultade de Comunicación, vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa; mentres que David Álvarez, profesor no Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e docente da escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Enxeñaría Industrial, liderará a Vicerreitoría de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade.

A Vicerreitoría do campus de Ourense estará ocupada por Montserrat Cruz, profesora da Área de Organización de Empresas e na Escola Superior de Enxeñaría Informática e a de Pontevedra, por Marián Fernández, profesora da Área de Educación Física e Deportiva e docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Pola súa banda, e á espera do seu nomeamento oficial, Ana María Comesaña Álvarez será xerenta da institución académica viguesa, á que regresará, logo de ocupar entre os anos 2008 e 2010 o cargo de vicexerenta de Persoal, con responsabilidade sobre políticas de persoal, negociación colectiva e xestión de PDI e PTXAS.

Un intre do discurso de Manuel Reigosa

“Chegamos coa idea de facer da Universidade de Vigo un lugar aínda mellor e a partir de aí puxémonos a traballar”. Con estas palabras arrancou Manuel Reigosa o seu derradeiro discurso como reitor da Universidade de Vigo, intre no que admitiu sentirse “moi orgulloso” da Universidade que deixa. No seu repaso aos alicerces que marcaron os seus oito anos á fronte da Reitoría partiu do que desde o primeiro día considerou como o seu obxectivo prioritario: a remuda xeracional, aludindo á importancia de “conseguir que os docentes que chegan sexan igual de bos que os que se van xubilando, de xeito que non se perda nin o coñecemento, nin o futuro, nin as gañas de investigar”. A continuación, o segundo, foi seguir convertendo á Universidade de Vigo “nunha institución transmisora de coñecemento, útil para Galicia”, e, xa como terceiro, “reforzar na institución a implantación da, xa existente, cultura da negociación e o acordo”.

Botando a ollada atrás, ao 2018, Reigosa admitiu que cando se presentara ás eleccións pensou que perdería e, ao saberse gañador, quedou “moi abraiado, pero tamén bastante preocupado, se ben rapidamente fun quen de elevar o espírito porque sabía que tiña un equipo magnífico”. Para todos eles e elas houbo hoxe palabras de agradecemento, para os que o acompañaron desde o primeiro mandato e para os que, pouco a pouco, se foron incorporando. Así mesmo, fixo extensivas estas grazas ao conxunto da comunidade universitaria “porque si fomos quen de facer cousas, foi porque houbo moitísimas persoas implicadas, incluídas aquelas que coa súa actitude crítica no Consello de Goberno nos axudaron a ser mellores”. Así mesmo, pediu desculpas “por aquilo que pensedes non se fixo ben, porque aínda que todas as medidas que tomamos foron sempre pensando no ben común e no ben de Galicia, tamén puido haber erros, erros que en todo caso asumo en primeira persoa”.

Especial orgullo amosou polo bo funcionamento do Sistema Universitario Galego, “non somos competidores, senón compañeiros que traballamos para conseguir unha Galicia mellor”. Deixou as últimas verbas para darlle os parabéns ao equipo que chega, desexándolles “o mellor”, “que teñan moito éxito”, amosándose convencido de que o mellor para elas e eles “será tamén o mellor para a Universidade de Vigo e para Galicia”.

O presidente da Xunta presidiu este acto solemne

Responsable de presidir este acto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desexou á nova reitora e ao seu equipo de goberno “a maior das sortes”, ao tempo que lles trasladou a “leal colaboración” do Goberno galego nesta nova etapa, xa que, salientou, deste xeito “estaremos mellorando Galicia, e iso dedicámonos todos”. Previamente, Rueda salientara a “compoñente histórica, moi importante” do nomeamento de García Mateo como primeira reitora na historia, “non de moitos anos, pero si moi intensa”, da Universidade de Vigo. A súa elección, lembrou, súmase ao recente nomeamento de Rosa Crujeiras como primeira reitora na historia da Universidade de Santiago de Compostela, e constitúe “un paso moi importante dos moitos que están por vir”.

Nesta nova etapa, a reitora da UVigo “ten por diante un traballo moi intenso, pero tamén moi ilusionante e con moitas posibilidades”, salientou Rueda, que resaltou que terá “seis anos por diante para manter todo o bo e seguir facendo cousas innovadoras, como corresponde” a unha institución “nova e de futuro”. As universidades, recalcou, “son parte fundamental do progreso de Galicia, son o motor da innovación e do coñecemento” e permiten situar a Galicia “na vangarda do mundo en moitos aspectos”. De aí que trasladase a García Mateo “que a Xunta estará a voso carón nesta nova etapa”, para logo pór o foco nas diferentes medidas de apoio ao Sistema Universitario de Galicia promovidas polo Goberno galego. Neste punto, lembrou a gratuidade da matrícula e dispor dun “plan de financiamento sólido e previsible, que permite planificar o traballo de cada universidade” e que supuxo un investimento de 3260 millóns de euros nos últimos catro anos. Rueda destacou así mesmo o apoio á I+D+i e o plan de infraestruturas, que posibilitou actuacións como a construción da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, no campus de Ourense.

Mirando ao futuro do SUG, Rueda recoñeceu que “hai moitos retos por diante”, como a negociación do novo plan de financiamento, que “é algo no que temos que acertar”, así como a “mellora do mapa de titulacións”. O presidente da Xunta amosou o seu convencemento de que “chegaremos a acordos”, xa que, subliñou, “únenos o mesmo obxectivo, o dunha universidade pública, de calidade e innovadora, que manteña e acrecente o seu prestixio e siga sendo un referente social”. Neste punto, o presidente autonómico puxo tamén en valor o traballo do reitor saínte e dos seus equipos, do que destacou a súa “vontade por chegar a acordos”.

0.34504413604736