Carmen Pomar e Ethel Vázquez presentan os beneficios do Plan de Xuventude

As deputadas populares Carmen Pomar e Ethel Vázquez mantiveron un encontro con mozos e mozas en Santiago para coñecer de primeira man as súas preocupacións e necesidades en relación coa emancipación e a vida autónoma. Alí explicaron que o novo Plan Estratéxico de Xuventude 2025-2027 da Xunta de Galicia nace precisamente para dar resposta a estas inquedanzas.
Segundo destacaron, o plan conta cun orzamento global de máis de 700 millóns de euros e inclúe máis de 130 medidas orientadas a mellorar a empregabilidade da mocidade, fomentar o seu benestar e favorecer a súa independencia persoal e profesional.
Entre os temas máis recorrentes durante a xuntanza destacaron cuestións como a dificultade de acceso á vivenda, a mobilidade internacional, a inserción laboral e a saúde mental. “Os mozos e mozas consideran imprescindibles políticas específicas para abordar estas problemáticas, así como medidas concretas para paliar as súas consecuencias”, sinalaron as deputadas.
Unha das medidas destacadas é a creación de 500 novas prazas en residencias, dirixidas a estudantes e a persoas mozas en proceso de inserción laboral. Esta acción busca facilitar a mobilidade e a estabilidade durante as etapas formativas e de transición ao mercado de traballo.