Carracido volve situar O Porriño no mapa do xadrez galego co seu quinto Gran Prix

O torneo celebrarase o 28 de novembro, será válido para o Elo FIDE Blitz e repartirá 600 euros en premios
granprix-xadrez-carracido
21 Nov 2026

O barrio de Carracido, no Porriño, volverá converterse nun punto de encontro para os afeccionados ao xadrez coa celebración do V Gran Prix de Carracido, que terá lugar o vindeiro sábado 28 de novembro. A Asociación Veciñal e Cultural As Mimosas organiza esta quinta edición coa intención de completar as 100 prazas dispoñibles e consolidar a competición como unha das citas destacadas do calendario xadrecístico galego.

O torneo experimentou unha importante evolución desde os seus comezos como iniciativa deportiva de carácter afeccionado. Nas anteriores edicións foi aumentando tanto a participación como o nivel competitivo, ata converterse nunha competición oficial válida para o Elo FIDE Blitz. Na última convocatoria reuniu arredor dun cento de xogadores, incluídos participantes procedentes de fóra de Galicia e varios Mestres FIDE, un Mestre Candidato (CM) e unha Mestra Internacional Feminina (WIM).

A organización corre a cargo da Asociación Veciñal e Cultural As Mimosas de Carracido, coa colaboración do Club Xadrez Mos, que participa no proxecto desde os seus inicios e que actualmente se encarga da dirección técnica, da arbitraxe e dos medios técnicos. A dirección do torneo estará en mans de Brais Otero Nogueira, mentres que David Castro Gandara asumirá a arbitraxe principal.

A iniciativa conta tamén co apoio económico da Deputación de Pontevedra, a través dunha subvención destinada á organización de eventos deportivos, e coa colaboración do Concello do Porriño. Este respaldo institucional permite impulsar unha proposta nacida no ámbito veciñal que contribúe a fomentar o deporte, fortalecer a actividade asociativa e dar visibilidade ao municipio.

O torneo repartirá 600 euros en premios

A competición desenvolverase no local da Asociación As Mimosas de Carracido mediante un sistema suízo de oito roldas, cun ritmo de xogo de cinco minutos máis dous segundos de incremento por xogada. A presentación dos participantes está prevista para as 15.45 horas e as partidas comezarán ás 16.00 horas.

O V Gran Prix repartirá un total de 600 euros en premios, ademais de trofeos para os primeiros clasificados. Na clasificación xeral, os cinco primeiros recibirán 180, 130, 80, 60 e 40 euros, respectivamente.

Tamén haberá recoñecementos específicos para as categorías Sub-12, Sub-10 e Sub-8, con premios económicos e trofeos. Ao remate da competición realizarase, ademais, un sorteo de agasallos entre todos os participantes.

A organización estableceu un máximo de 100 xogadores, que serán admitidos por rigorosa orde de inscrición. Para participar será imprescindible estar federado na tempada vixente. A inscrición terá un custo de 10 euros mediante pagamento anticipado e poderá formalizarse ata o xoves 26 de novembro ás 18.00 horas. Os xogadores que realicen o pagamento no propio local de xogo deberán aboar dous euros adicionais.

Con esta quinta edición, a Asociación As Mimosas reafirma a súa aposta polo deporte como ferramenta de encontro, participación e promoción do territorio. O obxectivo é completar as cen prazas dispoñibles e continuar demostrando que desde unha parroquia do Porriño tamén é posible organizar competicións deportivas cun alto nivel técnico e capacidade de convocatoria.

0.33908605575562