Catro galegos logran o bronce no Drácula Open celebrado en Romanía

Catro deportistas galegos conseguiron a medalla de bronce no Drácula Open 2026, celebrado esta fin de semana en Bucarest. Sergio Troitiño (+87 kg, Mat’s), Alma Pérez (-53 kg, Costado TKD Boiro), Helena García (-73 kg, Dobok) e Tania Castiñeira (+73 kg, Hebe) completaron un bo torneo, con varias vitorias de mérito antes de caer nas semifinais.
Sergio Troitiño comezou a competición cunha vitoria ante o israelí Ilia Ruderman. O combate non foi doado para o galego, que aínda está a adaptarse aos novos petos electrónicos. Despois de perder con claridade o primeiro asalto, soubo reaccionar e remontou nos dous seguintes para levarse o triunfo.
Nos cuartos de final agardábao o bielorruso Aliaksei Tarchyla, ante o que Troitiño asinou unha actuación moi solvente e venceu en dous asaltos. Na semifinal volveu cruzarse con Abolfazl Abassi Pouya, co que xa se enfrontara no Open de Polonia. Aínda que non conseguiu superar o seu rival, Sergio atopouse moito mellor sobre o tapiz e pechou a súa participación cunha meritoria medalla de bronce.
Alma Pérez tamén subiu ao podio na categoría de -53 kg. A galega superou con comodidade a catalá Judith Córdoba na primeira rolda, en dous asaltos, e fixo o mesmo ante Laura Rodríguez, aínda que neste caso tivo que traballar máis para conseguir a vitoria. O primeiro asalto foi moi igualado e decidiuse nos últimos segundos, mentres que no segundo Alma logrou impoñerse con maior claridade.
Nos cuartos de final agardaba a búlgara Erika Karabeleva, nun combate moi disputado que precisou de tres asaltos. Alma levou o primeiro por unha marxe axustada, Karabeleva igualou no segundo e todo quedou pendente do terceiro, no que a galega conseguiu o pase á semifinal.
Nesa rolda volveu enfrontarse coa polaca Sila Irmak Uzuncavdar, coa que xa coincidira en Polonia, pero non puido tomarse a revancha. A polaca acabou proclamándose campioa do torneo, mentres Alma aseguraba o bronce.
Helena García (-73 kg, Dobok) tamén asinou unha fantástica actuación. A galega venceu a Darya Yarashuk, de Bielorrusia, en dous asaltos e repetiu resultado nos cuartos de final ante a alemá Alema Hadzic. Na semifinal, porén, non puido superar a croata Matea Jelic e rematou a competición coa medalla de bronce.
Pola súa banda, Tania Castiñeira (+73 kg, Hebe) iniciou o torneo cun triunfo en dous asaltos ante a norueguesa Eliza Frazier Haugen. Na seguinte rolda superou tamén por 2-0 a bielorrusa Palina Mikhalchuck, resultado que lle permitiu acceder á semifinal. Alí enfrontouse á belga Sarah Chaari, ante a que cedeu en dous asaltos. Chaari acabaría proclamándose campioa do Open de Drácula.