CC. OO. Ensino presenta unha candidatura de 912 docentes para converterse na referencia sindical

As propostas das catro provincias reúnen profesorado de arredor de 480 centros educativos de 186 concellos galegos
candidatura-ccoo-ensino
17 Nov 2026

CCOO Ensino presenta as súas candidaturas ás eleccións sindicais do persoal docente do ensino público non universitario, que terán lugar o próximo 3 de decembro, cun total de 912 persoas nas catro provincias galegas. O sindicato concorre aos comicios coa aspiración de converterse na referencia sindical do ensino público galego e reforzar a súa capacidade de representación e negociación.

As candidaturas reúnen profesorado de todas as etapas educativas e de diferentes tipos de centros, tanto das cidades como do rural. En total, están vinculadas a arredor de 480 centros educativos situados en 186 concellos galegos. Segundo a organización, todas as persoas integrantes comparten o compromiso coa defensa do ensino público e coa mellora das condicións laborais do profesorado.

Por provincias, a candidatura da Coruña está integrada por 292 persoas e encabezada por Noelia Sánchez Vaamonde, profesora de Lingua Castelá e Literatura e secretaria xeral de CCOO Ensino. En Lugo, a lista reúne 112 persoas e está liderada por Alberto Caldeiro Pérez, profesor de Operacións e Procesos de Produción Agraria. A candidatura de Ourense conta con 304 integrantes e está encabezada por Borja Campos Seijo, profesor de Xeografía e Historia, mentres que en Pontevedra a lista está formada por 204 persoas e liderada por Montserrat Coello Rodríguez, mestra de Educación Física.

As mulleres representan o 77,1 % das candidaturas, cun total de 703 das 912 persoas integrantes. O sindicato destaca esta presenza como unha mostra da súa aposta pola participación e o liderado feminino na representación do profesorado e na defensa dun ensino público comprometido coa igualdade.

CCOO Ensino afronta estas eleccións coa intención de consolidar a liña ascendente dos seus resultados durante a última década e reivindica un modelo de acción sindical baseado na mobilización, a negociación e a actuación xurídica para transformar as demandas do profesorado en melloras reais.

A organización lembra que o resultado electoral determinará a representación nas xuntas de persoal e a capacidade das distintas organizacións sindicais para participar nas mesas de negociación, tanto no ámbito galego como no estatal. Neses espazos abórdanse cuestións que afectan directamente ao día a día dos centros educativos, como os horarios, as retribucións, os permisos, o emprego, as ratios ou a atención á diversidade.

Un modelo sindical baseado na negociación e na mobilización

O sindicato defende unha acción sindical que parte da escoita nos centros educativos e do coñecemento dos problemas do profesorado. Neste sentido, destaca a celebración de máis de 10.000 asembleas nos últimos catro anos e a utilización de diferentes ferramentas para conseguir solucións, desde a mobilización ata a negociación e a vía xudicial cando resulta necesaria.

CCOO Ensino contrapón este modelo ao que cualifica de confrontación permanente e lembra que, desde 2008, outras organizacións non asinaron acordos coa Consellería de Educación. Pola súa banda, reivindica a súa participación en negociacións que permitiron converter reivindicacións históricas en melloras para o profesorado.

Entre os avances que destaca figuran a recuperación íntegra da parte galega das pagas extraordinarias, o cobro completo desde o primeiro día de baixa, a homologación retributiva co resto das comunidades autónomas e outras melloras salariais. Tamén sinala a redución das ratios e o cómputo dobre ou triplo de determinado alumnado para estes efectos.

Nos últimos anos, segundo o sindicato, tamén se avanzou na redución do horario lectivo, coa consecución das 23 horas en Infantil e Primaria e a recuperación das 18 sesións lectivas en Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial.

A estas medidas súmanse melloras na atención á diversidade, cun incremento das dotacións de profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación, así como un maior recoñecemento das titorías, coordinacións e funcións directivas.

A organización tamén destaca os avances en materia de conciliación para o persoal interino e substituto, a eliminación da obriga de presentarse ás oposicións para manterse nas listas de substitucións e o traballo que se está a desenvolver para implantar un sistema de chamamentos máis moderno e eficaz mediante unha aplicación web.

O sindicato considera que estes avances son froito do traballo colectivo, da presión sindical e da negociación, pero insiste en que os acordos non son un punto final, senón que é necesario vixiar o seu cumprimento e continuar traballando para melloralos.

Un programa electoral con propostas para os vindeiros catro anos

CCOO Ensino presenta tamén un programa electoral que recolle as demandas trasladadas polo profesorado e establece as principais reivindicacións para os próximos catro anos.

Entre as prioridades figura a mellora das retribucións e a recuperación do poder adquisitivo, mediante unha cláusula salarial vinculada ao IPC real, a recuperación das cantidades pendentes das pagas extraordinarias na súa parte estatal e a inclusión de todos os corpos docentes no subgrupo A1.

No ámbito da xornada laboral, a organización propón recuperar as 21 horas lectivas para mestras e mestres, reducir progresivamente a carga lectiva e implantar unha xornada máxima real de 35 horas semanais.

O programa tamén contempla medidas para mellorar a conciliación e a saúde laboral, como a redución da xornada sen perda retributiva para o profesorado maior de 55 anos, a ampliación dos permisos e a remuneración íntegra das oito semanas do permiso parental.

Para o persoal interino e substituto, reclama recuperar o pagamento do verán para quen acumule máis de cinco meses e medio de servizos durante o curso escolar, ademais de garantir a cobertura de todas as vacantes e substitucións.

Outra das liñas prioritarias é reforzar a atención á diversidade e reducir as ratios, cun incremento do profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, unha rede de orientación reforzada e unha dotación mínima dunha persoa profesional da orientación por cada 250 alumnos e alumnas.

A redución da burocracia, mediante a simplificación de procedementos, a eliminación de duplicidades e a garantía de tempo ou persoal administrativo suficiente para as tarefas de xestión, é outra das propostas incluídas no programa.

CCOO Ensino tamén aposta por avanzar nos dereitos de xubilación, desenvolvendo a xubilación parcial con contrato de relevo para o persoal funcionario, sen perda de dereitos retributivos nin de cotización.

Finalmente, a organización inclúe entre as súas reivindicacións a defensa e promoción da lingua galega no ensino, coa elaboración dunha nova normativa de consenso e medidas de acción positiva que garantan a súa presenza efectiva nas diferentes etapas e ensinanzas.

CCOO Ensino afronta así as eleccións sindicais do 3 de decembro coa experiencia dos avances conseguidos e coa vontade de continuar mellorando as condicións laborais do profesorado. O sindicato considera que cada voto será determinante para reforzar a defensa das demandas dos centros educativos nos próximos catro anos.

0.36799812316895