CCOO acada un acordo no sector de menores con melloras salariais e avances na equiparación

CCOO Ensino acadou un acordo coa patronal maioritaria, GAFIX, no sector de menores que supón un avance relevante nas condicións laborais e retributivas dun ámbito historicamente caracterizado pola precariedade.
O acordo materialízase na creación dun Complemento Equiparador Autonómico Galego, dirixido ao persoal que ata o momento non percibía este tipo de retribución debido á súa situación vinculada a procesos de licitación pendentes.
Segundo informou o sindicato, este complemento comezará a aplicarse desde a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) e manterase en vigor ata o ano 2029, coincidindo coa finalización do actual convenio estatal. A súa contía será equivalente á suma dos complementos específico e de centro recollidos no V Convenio Estatal.
Desde CCOO Ensino subliñan que este acordo é o resultado dun proceso de negociación “longo e complexo”, baseado no diálogo, na presión sostida e na defensa dos intereses do persoal afectado.
A organización sindical tamén destacou a relevancia do marco do convenio estatal, ao lembrar que este acordo é posible grazas á Disposición transitoria segunda do V Convenio Estatal de reforma xuvenil e protección de menores, que permite garantir a aplicación dos dereitos recollidos na normativa.
Con todo, CCOO recoñece que este avance non resolve todas as demandas históricas do sector, aínda que supón un paso significativo cara á equiparación de dereitos e á corrección de desigualdades.
O sindicato incidiu ademais na importancia do traballo colectivo e da negociación continuada para acadar melloras reais, e comprometeuse a vixiar o cumprimento do acordo e a seguir avanzando na mellora das condicións laborais e salariais do sector.