CCOO afea a Feijóo as súas declaracións sobre as baixas e cre que o PP "utilizou Galicia de banco de probas"

O sindicato reclama unidade sindical e das forzas progresistas para deter este ataque directo á clase traballadora galega
obradoiro-dual-de-emprego-Os-soutos-Láncara
8 Jul 2026

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia manifesta o seu máis absoluto rexeitamento e indignación ante as gravísimas declaracións realizadas onte polo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, diante do Círculo de Empresarios Vascos. O líder da oposición cualificou de «cancro» o incremento das baixas laborais e propuxo abertamente unha diminución do salario para aqueles traballadores e traballadoras que se atopen nunha situación de incapacidade temporal (it).

Comisións Obreiras alerta de que o PP está decidido a trasladar ao ámbito estatal o plan do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para recortar dereitos laborais e á saúde. O sindicato considera que o Partido Popular utilizou Galicia como «banco de probas» nesta materia e, ao obter un grande apoio empresarial e, polo tanto, capacidade de influencia na opinión pública, quere exportalo ao Estado. Este ataque directo á clase traballadora, cre CCOO, esixe unidade sindical e das forzas progresistas para defender os dereitos das persoas traballadoras galegas.

Para CCOO, estas afirmacións reflicten un profundo descoñecemento do sistema de relacións laborais e, o que é peor, unha alarmante falta de empatía e respecto cara ás persoas que sofren unha enfermidade ou un accidente. Confundir deliberadamente o absentismo laboral coas baixas médicas xustificadas por profesionais sanitarios só busca estigmatizar e sementar a dúbida sobre a honestidade da clase traballadora.

O sindicato quere lembrar que ninguén elixe enfermar. As persoas traballadoras que están en situación de it padecen doenzas graves, problemas de saúde mental, fracturas ou están á espera de intervencións cirúrxicas. Castigar economicamente a quen xa está a sufrir unha mingua na súa saúde non só é inxusto, senón que supón un ataque directo contra o escudo social e a saúde pública.

Ademais, moitas das melloras salariais durante as baixas (que permiten acadar o 100 % do soldo) están recollidas nos convenios colectivos grazas a décadas de loita sindical. Pretender eliminar ou rebaixar estes complementos por decreto vulnera o dereito á negociación colectiva e supón unha amnistía para a patronal á custa da saúde dos seus cadros de persoal.

CCOO cualifica de «autoritaria e perigosa» a actitude de Feijóo ao afirmar que adoptará estas medidas «con ou sen o acordo» dos sindicatos. O diálogo social non é un trámite prescindible que se poida saltar cando os plans do PP non coinciden cos intereses da clase traballadora. O camiño para reducir as baixas non pasa por empobrecer as persoas enfermas, senón por mellorar a prevención de riscos laborais, axilizar as listas de agarda na sanidade pública e loitar contra a precariedade que xera a sinistralidade.

Desde Comisións Obreiras esiximos unha rectificación inmediata a Núñez Feijóo e avisamos de que usaremos todas as ferramentas sindicais, xurídicas e de mobilización necesarias para frear calquera intento de meter a tesoira nas prestacións por it ou en calquera outro dereito conquistado polas traballadoras e traballadores.

0.37729096412659