CCOO analiza o impacto dos centros especiais de emprego e reclama un uso rigoroso das subvencións

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia avaliou o funcionamento dos centros especiais de emprego e alertou da necesidade de extremar o control sobre o uso das subvencións públicas destinadas á inserción laboral das persoas con discapacidade.
Suvencions CCOO
24 Oct 2025

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia convocou recentemente unha reunión cos responsables das federacións con presenza nos centros especiais de emprego (CEE) para avaliar o seu funcionamento e o impacto que teñen en cada sector. No encontro púxose de manifesto que a problemática destas entidades é transversal, xa que afecta a todos os ámbitos produtivos e, en moitos casos, xera competencia desleal nas empresas onde operan.

Durante a xornada, as persoas responsables sindicais visitaron o centro de despezamento Trameve, en Santiago de Compostela, que conta cun cadro de doce traballadoras e traballadores con discapacidade psíquica e é considerado un exemplo de boa xestión e integración laboral.

Comisións Obreiras mantivo tamén unha reunión coa patronal maioritaria do sector, CEGASAL, que expuxo a situación actual dos CEE en Galicia. O sindicato trasladoulle á entidade empresarial a necesidade de extremar o rigor no uso das subvencións públicas destinadas á inserción laboral das persoas con discapacidade.

Así mesmo, CCOO pediu a implicación de CEGASAL para promover unha maior concienciación sobre o correcto uso das axudas públicas e contribuír a detectar aquelas empresas que utilizan estes centros con ánimo de lucro ou como fórmula de competencia desleal nalgúns sectores.

⚙ Configurar cookies
0.35349297523499