CCOO aposta pola participación social nos proxectos de enerxías renovables desde o inicio

O secretario de Acción Sindical de CCOO de Galicia, Armando Iglesias, defendeu a necesidade de garantir a máxima participación social nos proxectos de enerxías renovables desde as súas fases iniciais.
Iglesias participou na xornada «Diálogos para unha Galicia Renovable», organizada pola Rede Española para o Desenvolvemento Sostible (REDS-SDSN Spain) na Cidade da Cultura de Santiago, onde expuxo a posición do sindicato ante a implantación de parques eólicos.
O representante sindical subliñou que, ante os conflitos sociais que xeran este tipo de proxectos, resulta “fundamental” implicar desde o primeiro momento a todos os colectivos potencialmente afectados, como asociacións veciñais, comunidades de montes, organizacións agrarias, grupos ecoloxistas, sindicatos e administracións públicas.
Segundo explicou, a participación debe producirse desde o inicio do proceso para facilitar un debate transparente que permita consensuar aspectos como o deseño, a localización ou a dimensión dos proxectos, co obxectivo de minimizar impactos negativos.
Ademais, Iglesias destacou a importancia de establecer compensacións para os propietarios, concellos e colectivos afectados, así como de garantir unha gobernanza compartida durante todo o proceso, incluso tras a posta en marcha das instalacións.
Na xornada participaron unha vintena de axentes institucionais, sociais e económicos que avanzaron na elaboración dun «Manual de boas prácticas para a participación social en proxectos de enerxías renovables».
Este documento pretende servir como ferramenta práctica para empresas, administracións e reguladores, co obxectivo de asegurar que os procesos participativos sexan reais e efectivos, máis alá dun simple trámite administrativo.