CCOO chama á unidade sindical para desbloquear a negociación do convenio da alimentación de Lugo

A organización xa trasladou formalmente á UGT e á CIG, sindicatos con maior representatividade no sector, a súa disposición a traballar desde a unidade sindical
supermercado-folga-comercio
28 May 2026

A Federación de Servizos de CCOO Galicia fixo un chamamento ao resto de organizacións sindicais con representación no sector do comercio da alimentación da provincia de Lugo para impulsar de maneira conxunta a apertura da mesa negociadora do convenio colectivo, vencido desde o pasado mes de xaneiro de 2026.

O sindicato considera urxente iniciar este proceso para actualizar as condicións laborais e salariais das persoas traballadoras do sector. Nun contexto marcado polo incremento do custo da vida, CCOO sinala a necesidade de reforzar os dereitos laborais nun ámbito que considera esencial para a economía e o consumo da provincia.

Neste sentido, a organización xa trasladou formalmente á UGT e á CIG, sindicatos con maior representatividade no sector, a súa disposición a traballar desde a unidade sindical co obxectivo de promover unha negociación “útil, seria e centrada nas necesidades reais dos cadros de persoal”.

Desde CCOO lembran que “o diálogo e a coordinación entre as distintas organizacións sindicais son fundamentais para fortalecer a capacidade de negociación fronte á patronal e favorecer avances efectivos”.

Entre as prioridades que o sindicato fixa para o novo convenio destacan a mellora dos salarios ante a perda de poder adquisitivo, a implantación de medidas efectivas de conciliación da vida laboral e familiar, así como a estabilidade no emprego e unha mellor organización do tempo de traballo.

Ao mesmo tempo, a central sindical considera necesario que a patronal amose vontade negociadora e un compromiso real co sector. CCOO insta as empresas a evitar demoras innecesarias na negociación dun convenio que afecta directamente a centos de persoas traballadoras da provincia de Lugo.

0.277587890625