CCOO concentrarase o mércores en Santiago contra a apertura de festivos no comercio galego

O sindicato convoca unha protesta no centro comercial As Cancelas para reclamar «máis tempo para vivir» e rexeita a decisión de permitir abrir determinados domingos e festivos
CC as cancelas santiago dc
21 Jul 2026

A Federación de Servizos de CCOO convoca unha concentración para este mércores, 22 de xullo, de 11 a 12 horas, diante do centro comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela, para amosar o rexeitamento do sindicato á apertura destes establecementos en determinados domingos e festivos. CCOO denuncia un modelo que favorece as grandes superficies en detrimento das condicións laborais das persoas traballadoras e do pequeno comercio. A mobilización forma parte, á súa vez, do calendario de accións convocadas con motivo da folga no comercio galego prevista para os días 26 de xullo e 15 de agosto.

Segundo explica CCOO, esta convocatoria dá continuidade ao traballo iniciado nos últimos meses a favor do dereito ao descanso das persoas traballadoras do sector. Durante este tempo, mantivo unha posición sostida tanto nos ámbitos de negociación como ante a opinión pública para rexeitar un modelo de aperturas comerciais que considera daniño. O sindicato valora positivamente que outras organizacións sindicais se incorporasen finalmente a esta reivindicación e ás mobilizacións convocadas, ao considerar que a unidade de acción reforza a defensa dos intereses das traballadoras e traballadores do comercio galego.

A concentración pretende visibilizar o rexeitamento á apertura comercial dos días 26 de xullo —domingo— e 15 de agosto —festivo—, unha medida que CCOO considera un «ataque ao dereito ao descanso e á conciliación da vida laboral, persoal e familiar». O sindicato denuncia que a ampliación da actividade comercial en domingos e festivos consolida un modelo baseado na dispoñibilidade permanente das persoas traballadoras, agravando os problemas dun sector altamente feminizado, marcado pola parcialidade, os horarios irregulares e as dificultades para compatibilizar o emprego coa vida persoal e familiar.

Ademais, o modelo favorece principalmente as grandes cadeas e as grandes superficies, que dispoñen de máis recursos para aproveitar as aperturas en festivos, algo que prexudica o pequeno comercio, que se ve ante unha competencia desigual que compromete a súa viabilidade. Para o sindicato, o futuro do comercio non pasa por abrir máis días, senón por mellorar as condicións laborais, reforzar o emprego de calidade e garantir o dereito ao descanso.

0.27326703071594